A bibliografía sobre Jack o Destripador podería ternos anos entretidos. Escaparemos a ese trámite. O estudo deste personaxe inspirou dende obras xa clásicas como a de Walter Dew, I Caught Crippen (1938), a títulos máis recentes, alumeados por novos recursos historiográficos, como os de Paul Begg (Jack the Ripper: The Facts), Paul Woods e Gavin Baddeley (Saucy Jack: The Elusive Ripper), ou Katharine Ramsland (Inside the minds of serial killers: why the kill). Pero entremos na Historia. Entre o 3 de abril de 1888 e o 13 de febreiro de 1891, houbo once homicidios no barrio de Whitechapel (Londres). Debían atribuírse a un autor ou a varios? Os historiadores non se poñen de acordo, xa que tratándose de Jack, o material histórico está moi esparexido. En todo caso, hai conformidade en arrogarlle os chamados cinco homicidios canónicos, doutras tantas prostitutas. O corte na gorxa, a mutilación abdominal e xenital, a extracción de órganos internos e as amputacións faciais falaban do modus operandi de Jack.
Ensaiáronse moitas hipóteses sobre a súa identidade. A concentración dos crimes en fin de semana, e nunhas poucas rúas, fixo pensar nun empregado da zona. Outros cren que era un home de clase alta, educado, talvez cirurxián ou carniceiro. En 1894, Meville Macnaghten redactou un informe proporcionando tres nomes: Jonh Druitt, Michael Ostrog e Aaron Kosminski. A canle Discovery Channel, hai uns anos, apuntou a un tal James Kelly. Pero a pirueta acaba de dala Andrew Thompson, coa publicación de Jack´s murder, editado en Barnes and Noble. O estudo dos arquivos de Scotland Yard e do Departamento de Investigación Criminal de Whitechapel, lévao a soster que entre o censo de 1.200 prostitutas deste barrio, houbo unha que acabou coa vida dun carniceiro chamado Walter Fulham seguindo xusto as pautas de Jack, quen deste modo tería sido vítima da súa propia mecánica. O dato interesante, obtido da análise dos ángulos das incisións do cadáver, é que as feridas foron causadas por unha prostituta vingativa, especialmente alta e forte. Con estes datos, só podía ter un nome: Adela Carballo, natural de Vilagarcía e emigrada a Londres en 1874. Marabilloso.