Opinión

RESETEAR O PAÍS

Non pensara nisto até agora, pero este país precisa, se cadra, unha tecla de reset, ou reinicio, que mediante a súa pulsación permita a volta do sistema ás súas condicións iniciais. Expresado en códigos binarios, trataríase de poñer a cero Galicia, e a partir de aí, levantar todo de novo. Persoalmente non vexo outro modo de reconducir a deriva. Que deriva? Sabía que esta pregunta acabaría meténdose na columna, pero talvez vostede sexa desa clase de persoas que non precisa unha dose profusa de datos para comprender de qué se está falando aquí. En efecto, como xa deduciría, estamos falando diso e, complementariamente, destes e daqueles. Non me pida que meta os dedos no enchufe nun momento ?por así dicilo? no que teño os pés metidos en auga. Explícome? Seguramente non, pero continuemos. E tratemos de evitar os detalles. Por máis que saibamos que a clave das cousas agóchase sempre nos pormenores, nas pequenas notas que o ollo non ve. Por otra parte, o demo, como se ten coñecemento dende hai séculos, está nos detalles.


A necesidade de resetear o país contrasta coa imposibilidade de levar a cabo unha empresa desa envergadura. Canto máis inaprazable, máis imposible. Sempre é así. Cando cabe unha solución a un problema de puta madre, a solución é inviable.


Non temos, pois, un botón con ese letreiro: reset. Significa iso que a deriva é imparable, que non hai barreiras fortes dabondo para frear a podredume? Non, pero a alternativa ao reset é outra vía intransitable porque obriga a unha reeducación do país que esixe a destrución do Gran Molde a partir do que se concibiron as estruturas ideolóxicas que manteñen a Galicia nese baleiro que, filosófica e pedantemente, eu denominaría Buraco Negro Atlántico.


Pese a todo, non hai que perder a esperanza. Jean Debuffet, nos anos sesenta, e diante dunha realidade na que tamén advertía a presenza dun cancro descomunal, pensaba que era o momento de fundar 'institutos de desculturización'. Serían unha especie de liceos nihilistas, nos que procurar unha ensinanza de desacondicionamento e desmitificación durante varios anos. Só así sería posible dotar á sociedade dun 'corpo de negadores' que mantivera viva, no medio do gran despregamento xeral de acordo, a protesta. Neste país, hoxe, quizais precisemos ese tipo de institucións despedagóxizantes, que nos ensinen a ir cara atrás, na procura do punto cero. Galicia non precisa evolucionar. Xa coñecemos os efectos de progreso que experimentamos ata agora. Podemos prescindir dese luxo. Fuxamos cara o pasado. Busquemos o botón que nos arranque deste silencio co que asistimos ao fin de partida que detallou Beckett.

Te puede interesar