Na inmensidade dunha páxina de Olaf Hannferhaaus, esta escritor de orixe bávara menciona con retorcido misterio a un autor coetáneo do que a historia apenas rexistra pegadas. Chamábase Gerhard Schirbaum. O contexto novelesco no que atravesa aquela páxina é un Berlín industrial, baixo os primeiros anos do século pasado, e Hannferhaaus describe a Schirbaum, no intre que o personaxe irrompe na súa novela, como un home en aparencia gris, falto de humor, como case todos os homes desa cor, pero capaz de escribir, dende a tristeza e escuridade dun despacho do Ministerio de Comercio, un libro luminoso. Non luminoso no sentido de brillante. Luminoso na medida que arrastrou a Olaf por meandros incertos ata desembocar no estado emocional que o converteu en escritor. Nunca imaxinara acabar nese punto, pero o libro de Schirbaum volteou a súa vida coa dialéctica radical que se pon do revés un calcetín. Nese senso transformador, foi un libro luminoso. O libro titulábase A noite rota e a historia da literatura non ofrece noticias de ningún tipo nin sobre o seu contido nin sobre o seu autor. O propio relato de Olaf Hannferhaaus, como dixen, fai unha mención máis ben calada, misteriosa, porque a tempo que revela en que medida el é debedor dese libro e dese autor, oculta calquera dato sobre o escritor e sobre o texto.
Aquel título durmido na memoria reviviu, anos despois, no cuarto volume de memorias de Canetti (O xogo dos ollos). Aí relata un encontro breve ás portas dun café cun prestixioso historiador que nese instante leva entre as mans a novela de Schirbaum, A noite rota. O detalle que Canetti rexistra esperta un enigma máis efémero que o de Hannferhaaus, por canto a referencia é pasaxeira e morre nesa páxina. En cambio, o misterio resucitou hai tres días, cando traballando sobre a correspondencia do poeta Manuel Núñez, natural de Vilardevós, atopei catro cartas asinadas por Gerhard Schirbaum dende a cidade de Görlitz, entre os anos 1896 e 1903. Aí están as respostas, incluso as preguntas. Pero detallar o misterio, neste minúsculo domingo, e nesta sección infame, sería inferior ao misterio.