Opinión

TEORÍA DO FARAGULLISMO

Oartigo número un di que é conveniente que vexamos o que temos diante. Loxicamente, por ser o primeiro, ignórase en primeiro lugar, e de aí que reparar nas cousas que temos enfronte de nós esixa unha loita constante. Persoalmente desenvolvo obsesión polas cousas carentes de interese: iso que poderiamos chamar as migas da realidade. Teño inclinación a sobredimensionar as faragullas e por iso, estes días, teimo na idea de atallo. Trátase dunha manobra estritamente humana que baixo a aparencia de manobra común non produce bibliografía, como pasa con conceptos como fronteira ou labirinto, moi tratados polo pensamento contemporáneo, incluso antigo.


Eu albisquei que detrás de cada atallo non había senón unha canella cega, o día que descubrín que Oscar Wilde pasou unha mañá enteira corrixindo as probas dun dos seus poemas e, en todo ese tempo, só quitou unha coma. Unha triste e merdenta coma. Pola tarde, volveuna poñer no seu sitio. Esa restitución evidenciaba que, en literatura máis incluso que noutras facetas da vida, os atallos non conducen a nada. Sempre se dan rodeos antes de chegar ao lugar que un desexa. Ou acaso non se len libros inútiles antes de atopar o que un necesita?


Só hai un camiño para alcanzar ese sitio que un procura, e polo común, deixa marcas. O Rei, en Alicia no País das Marabillas, explicaba dun xeito gráfico a importancia de escapar dos atallos cando recomendaba a outro personaxe: 'Comeza no comezo e sigue ata o final; alí, para'. Todos, nalgún intre, somos tentados pola suavidade do atallo. Eu, por exemplo, quixera escribir como Mario Levrero, pero sáeme como Tallón. No fondo, atallar é un camiño longo sobre o que hai que regresar cos petos baleiros, derrotado. Penso en Eddy Merckx. A súa obsesión pola vitoria impedíalle esconder ou dosificar as súas forzas, que é outra modalidade de atallo. Vivir no abismo da extenuación conducíao a atacar en canto divisaba unha pancarta no horizonte. Por se acaso se trataba da meta. Un primeiro de maio, nunha Volta a España, atacou para impoñerse nunha pancarta que resultou ser do Partido Comunista. Nunca tomou máis que camiños largos e inclementes. E sempre venceu.


Na vida non convén desprezar a dificultade dun rodeo. No ano 1977, TVE convenceu a Juan Rulfo para sentarse diante dunha cámara e responder ás preguntas de Joaquín Soler Serrano. Nunha das súas respostas secas e frías, confesou que Pedro Páramo foi escrita de tal forma que se necesitara lela tres veces para entendela. Hai algo máis oposto ao atallo e á vez máis engaiolante?

Te puede interesar