Opinión

Xordos

Vivimos nun espazo feito a medida, familiar. Temos un horario. Existe unha disciplina interna. Outra externa. Sempre dispoñemos de vintecatro horas por día. Todas as semanas do ano duran aproximadamente o mesmo. Arredor de sete días. Luns. Martes. Etcétera. Volta a empezar. Cada un de nós, pois, dispuxo pouco a pouco un molde que, ao longo dos anos, apenas sufre variacións. E a partir do cal facemos iso que, en termos xerais, denominamos vida. Creamos o noso hábitat, asentamos as nosas rutinas, elaboramos a nosa estratexia. E procuramos non saír de aí.


En base a iso levantámonos á nosa hora. Escoitamos a nosa emisora de radio. Tomamos o noso almorzo. Namentres, conectamos e saltamos dunha a outra das nosas canles de televisión, determinadas algún día en función das nosas conviccións. Conviccións ás que hai tempo, por certo, non sometemos a un porqué. Imos ao noso traballo, polo noso camiño, ao noso paso. Mercamos o noso periódico. Lemos as nosas seccións, aos nosos columnistas, o noso editorial, aos nosos humoristas gráficos. Recibimos puntualmente a nosa versión da realidade. Confirmamos que o que pensamos hoxe coincide co que xa pensabamos.


Unha vez que chegamos á nosa oficina saudamos aos nosos compañeiros. Excluímos, da rolda dos bos días, aos nosos inimigos. Accedemos a Internet para consultar as nosas páxinas favoritas. Recollemos a nosa información do día dos nosos diarios electrónicos. Se cadra consultamos aqueles que non soportamos para renovar o noso noxo. Se non hai moito traballo, lemos os nosos blogs favoritos. Xestionamos o noso correo electrónico. Quedamos cos nosos amigos. Tomamos o noso café. Facemos constar as nosas opinións. E así sucesivamente, unha vez e outra vez. Sen admitir variacións. Porque o noso mundo, matiz arriba matiz abaixo, está xa construído, segundo o noso plan de vida, a nosa estratexia, as nosas ideas consolidadas. Que ocorre cando algo non encaixa coa nosa versión? Descartámolo. Buahg. Por equivocado. Nalgún momento hai posibilidades de abandonar a nosa versión? Cada vez é menos común. Estamos incurablemente xordos. Por iso, os conflitos que necesitan audición, diálogo, non se solucionan xamais. Ola Palestina.



Te puede interesar