Opinión

Emilio Araúxo, poeta de vidas e xentes

Hai unha década que o concello de Parada de Sil decidiu institucionalizar a celebración do Día das Letras Galegas cun plantexamento particular, ao propor unha homenaxe a un persoeiro local que tivese acadado méritos profesionais ou persoais suficientes para ser referente da veciñanza nalgunha faceta da vida.

A idea foi novedosa no mundo municipal e ainda máis alá, pois son contados os concellos que celebren algún acto oficial de ensalzamento da lingua, agás o nativo da persoalidade homenaxeada, que acolle a sesión solemne da Real Academia Galega no acto central da xornada. Pouquiño máis. Parada, porén, apostou por darlle a tan significada data un valor específico establecendo un recoñecemento público a unha figura relevante orixinaria do concello e pertencente ó mundo da cultura na acepción máis ampla do termo. No mesmo acto solemne ten lugar a entrega do premio ós gañadores do concurso de microrrelatos que convoca a propia institución municipal.

O persoeiro  honrado este ano é Emilio Araúxo, profesor, filósofo, poeta, etnógrafo, editor, tradutor e fotógrafo, que naceu en Coles, pero que hai moitos anos ten casa en Sacardebois, na que foi formando un pequeño museo etnográfico que se convertiu para o autor en algo máis que unha colección de obxectos antiguos. Conta cunha biografía chea de fitos alimentadores de egos que soubo arrefriar debidamente para evitar que lle impediran disfrutar da beleza do sinxelo. Por iso rexeita decidida e categóricamente o incienso, sabedor de que o verdadeiro benestar interior está onde a natureza ainda se amosa auténtica, limpa e diáfana. Emilio atopou ese lugar máxico nas terras de Sacardebois, no corazón de Parada de Sil e da Ribeira Sacra, á que describíu e cantou nos versos do inmenso “Libro da Ribeira Sacra”.

Alí, mentras inmortalizaba o entorno e as xentes coa sua cámara, viu como se comunicaban e entendían en animada conversa sin lingua común a nonaxenaria señora Isolina coa poeta e tradutora sueca Helena Eriksson, duas xeracións máis nova; alí certificou que os idiomas e as diferencias importan o xusto cando se crea unha atmósfera apropiada, porque a forza expresiva fala por sí mesma.

Na morada de Sacardebois atopou o recuncho acaído para o descanso, no que foi xuntando obxectos comúns, prendas, materiais, ferramentas, aparellos do gando ou aperos usados outrora na vida cotián, dispostos informalmente polas dependencias da vivenda ata conformar un pequeno entorno que reflicte o mundo que foi, que el denomina “poemuseo” e que en verdade é un espazo máxico que explica a negativa de Emilio a falar de sí mesmo. Os obxectos falan por el, dí, e cada un deles constitúe unha pequena obra que explica o entorno e o tempo, entre os que se sinte mediador dos ancestros ante o mundo actual.

Xusta, pois, a homenaxe que Parada de Sil adica este ano ao home que retratou                                                                                                                                          de xeito extraordinario unha terra na que se mergullou, engaiolado pola beleza dos soutos, as  cepas centenarias sobre os bancales, as carriozas ou a maxia do Sil, que compoñen unha estampa dun cromatismo cautivador no que se reflicte unha historia milenaria heroica, ante a que é imposible non rendirse. Para Emilio Araúxo, dende logo que o foi.

Te puede interesar