Opinión

Achegarse a ela

Eles ou algúns deles din de nós, os galegos, que non sabemos moi ben se imos ou volvemos, se subimos ou baixamos. Dino e quédanse tranquilamente ouveando ou deambulando polas rúas estreitas da cidade onde viven e  a onde chegan guiados, cada día, polo GPS que levan instalado no teléfono móbil, no peto da americana, no bolso de man ou na mochila que vai no lombo colgada dos seus ombreiros. Pola contra, Remedios da Retorta di que subimos cando hai que subir, baixamos cando procede e paramos sempre con aqueles cos que se pode parar e falar.

O que importa, precisamente, é saber se os xuros soben ou baixan, os prezos dos alimentos, do leite, do polo, da cervexa ou da carne da tenreira galega. Parece que todo sobe, menos os galegos que están parados no chanzo da escaleira e a escaleira, aguantando o que lle boten. A escaleira está para andar, para dar pasos cara ás alturas ou para volver delas. 

“Subimos, baixamos e teremos que dar un paso ao lado”, dicía a mestra que ensinaba filosofía pura aos seus estudantes de bacharelato, a un grupo con grande capacidade intuitiva, con extraordinarias relacións entre os seus integrantes e con coñecemento preciso sobre o “sobe ou baixa”. Xa está perfectamente definido, exposto e aprobado pola maioría: subir é unha cousa; baixar é outra e o falar non ten cancelas, aínda que como di a Tia Manuela, “antes de falar, cómpre razoar, mirar e, se é o caso, estudar e calar”.

Algúns medios apuntan que a escaleira máis longa do mundo, con máis de once mil seiscentos cincuenta pasos, está nas pendentes do monte Niesen, en Berna, Suíza. Vai en paralelo ao funicular Niesenbahn e só está ao servizo do persoal, menos unha vez ao ano que se abre ao público que participe nunha carreira para recorrela en pouco máis dunha hora.

Para visitar as escaleiras máis longas e altas do mundo sería necesario recorrer varios continentes. A excursión presúmese longa e arriscada, pero sería verdadeiramente fermosa. Se alguén de vostedes quere, intentámolo e imos subindo, pouco a pouco, cara ao ceo. En Galicia temos escaleiras fermosas, pero a Tía Manuela quere proporlles unha ou varias rutas polas pasarelas. Ir e falar coa natureza, cos monumentos, coas paisaxes e coas pedras. Bicar ao mar, falar e escoitar ao vento da ribeira,  dar a volta e achegarse ata xunto dela.

Te puede interesar