Opinión

Adolescencia

Eran pais daquel neno que lle fervía o sangue antes de cumprir os trece anos, un neno rebelde e que non calaba nunca, menos aínda cando na casa estaba alguén de fóra, un primo, un amigo, a avoa ou calquera das catro ou cinco tías que tiña o pequeno. Un desatino permanente, unha erosión continuada das relacións familiares, un “sen vivir” alongado no tempo e no espazo. Naquel espazo limitado e ruidoso, no que as impertinencias facían un enorme montón de difícil manexo.

Alí, a aquel espazo reducido chegaron uns amigos coa súa filla de once anos, unha pequena que quería ser moza, a pesar de todo. Os pais da nena, con certa resignación, falaron da adolescencia, ese período da vida humana que, segundo o dicionario da Real Academia Española da Lingua, segue á nenez e precede á xuventude. Que bonito!

Ao marchárense os convidados, o pai do que quedaba na casa súa, foi ao dicionario da Real Academia Galega e alí buscou “adolescencia” e leu: “Período que vai desde os doce anos ata os dezaoito ou vinte, aproximadamente, no cal a persoa experimenta importantes cambios fisiolóxicos e psicolóxicos”. Aquel home falou coa súa dona e os dous, con sonoros saloucos, compadecéronse dos amigos e da súa filla, por todo o que lles quedaba por pasar.

Ao día seguinte, ao ler o xornal atópanse cunha novidade impresionante, “a adolescencia produce cambios que condicionan a vida dos que están nesa fase e a daquelas persoas que os rodean”, é un período de crecemento físico e de cambio cognitivo e psicosocial acelerado que, segundo recolle a Organización Mundial da Saúde (OMS), inflúe en como senten, pensan, toman decisións e interactúan coa súa contorna aquelas persoas que están nel.

Nun estudo científico, “Traxectorias da satisfacción coa vida dos adolescentes”, publicado na revista “Royal Society Open Science”, os autores investigaron entre outros aspectos o da satisfacción coa vida dos adolescentes. Chegaron á conclusión que é menor que a de outras etapas. 

Parece indicar, pois, que é necesario orientar as conductas dos adultos para que os adolescentes non sintan rexeitamento social, para que saiban que son parte importante da sociedade na actualidade e a súa presencia, imprescindible na sociedade do futuro inmediato. 

O benestar, como di a Tía Manuela, promove cambios e non pode ter máis límites que o do respecto aos outros homes e mulleres, nenos, adolescentes, mozos e vellos. 

Te puede interesar