Opinión

Cómpre resignación

Aquela señora tan elegante, con uñas postizas e anteollos de cor negra, cunha cabeleira que alumeaba como un faro acendido, e outras lentes atadas a un cordón, a modo de colar arredor do pescozo, e pousadas nas súas tetas, quería saber se tiña ou non tiña esa enfermidade da que tanto se fala e da que, ao parecer, pouco se sabe, a covid-19. Como as súas preguntas non tiñan reposta clara e rotunda, enervábase de tal maneira que o silencio de todos os presentes naquela sala, podía cortarse coa navalla.

“Eu non tiven a covid, ou si?” Quen sabe! Mellor dito, ninguén sabe. Se teño esa enfermidade, que lle vou facer!, dicía o camareiro do restaurante onde estaban preparando para xantar, “curala e calar, que por falar ninguén che dá nada”. Parece que o camareiro era decidido partidario de calar, convencido da importancia do silencio, “outra forma de falar ou, máis ben, de berrar”.

Referente ao comportamento das persoas coa covid, hai para todos os gustos dentro do enorme desgusto dos positivos. Están as persoas que foron contaxiadas, unha ou varias veces, e non souberon nada, nin o saben. Noutro grupo, están os que o saben pero calan, non din nada, esas taciturnas que queren morrer caladiñas, que se interesan pouco polos outros e menos pola propagación da enfermidade, aínda que saiban da súa facilidade para estenderse e de que os seu efectos son socialmente perigosos.

A xestión da pandemia está nas mans dos cidadáns, nas dos cidadáns responsables e, máis aínda, nas daqueles que non o son, se é que os hai. A covid anda no ambiente, no pensamento normal dos normais, na mirada de cadaquén, no sorriso e na carteira gardada no peto do pantalón. Anda espallada e facendo das súas, por aquí e por acolá.

Os síntomas e o que contas son dous elementos imprescindibles para o diagnóstico, para que, a través dunha chamada ou dunha videochamada, o médico poida proceder á administrar algún remedio. Despois xa vas seguindo os informes por medio do teléfono móbil, quen o teña, ou con internet dende a casa, se é necesario dende a casa da veciña.

Aquela señora alporizábase e con razón. Cáelle o pelo, agrándaselle o bocio, bracúñanlle os dentes, trémenlle as mans e sente como lle doe o corazón. Ten razón a tía Manuela, “para falar de saúde e de gobernanza, cómpre resignación”.

Te puede interesar