Opinión

Cunqueiro volve ao Cebreiro

Despois de sesenta anos, Álvaro Cunqueiro, escritor, periodista, mestre e mestre de periodistas, universal mindoniense e vigués, volve ao Cebreiro, onde comezou a peregrinación a Santiago de Compostela en 1962, cando nevaba no inverno, floreaban os campos e as árbores na primavera e, no verán, facía tanta calor que suaban os corpos quietos. Alí estivo Cunqueiro con Magar para retratar o Camiño, as xentes do Camiño, as paisaxes, os monumentos e o aire fresco das alturas. E para escribir do retratado, da vida e do camiñar polo Camiño das peregrinacións.

Agora, á propostas de Paco Castro, escritor, franciscano e párroco do Cebreiro e de moitas outras parroquias, a Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (Apecsa), que preside Xosé María García Palmeiro, prepara unha Peregrinación literaria, cantada e falada, “Camiños e Cantares nos eidos da bremanza”, con parada sosegada en O Cebreiro, o día 15 deste mes de xullo, para conmemorar o 60 aniversario daqueles andares do periodista falando coa xente, escoitando á xente, comendo coa xente na feira e desfrutando do noso, como a xente.

Querían os camiñantes que os acompañara o cura ata o Santuario do Cebreiro, pero Elías Valiña estaba de viaxe. - En Lugo? Preguntou Cunqueiro. – Non señor! Vai en Francia! Pero a igrexa está aberta, está coas obras de restauración. Aqueles do lugar vían a don Álvaro e ao seu acompañante coas máquinas fotográficas e enseguida pensaron que era o home alto que volvía para facer o proxecto de arranxo da estrada. 

Cunqueiro quedou marabillado do que os seu ollos vían, naquel día claro, dende aquela atalaia grandísima, a serra do Ouribio e os montes de Lóuzara, “ao lonxe o Pía Paxaro de Courel, montes Faro e Capeloso”. Montes e máis montes, altos e vales, terras de uces e carqueixas e leiras para sementar, para segar e recoller. 

Apecsa leva a memoria de Álvaro Cunqueiro ao Cebreiro de Pedrafita ou, mellor dito, a Pedrafita do Cebreiro, para que todos poidan participar da delicia dos seus textos, dos relatorios sobre a restauración da Igrexa, o Camiño, a arte, a historia, a literatura, o periodismo e o milagre. Alí estarán os do Courel, os de Becerreá, os dos Ancares e Lugo, os de Navia, Castro Verde, a Fonsagrada e a Mariña. Alí estaremos os de Samos, Triacastela e Sarria para seguir abrindo camiño.

Te puede interesar