Opinión

Déixaos que falen!

Santiago estaba ateigada de xentío. O pasado foi o 25 de xullo dun ano moi especial, Xacobeo e sen ser Ano Santo. Milleiros de peregrinos que peregrinaban polos camiños de Santiago, milleiros de turistas que turísteaban por arriba e por abaixo, polo centro da cidade e, cada vez, máis polo centro. O Rei na catedral atendendo aos del, firme e sosegado como se todo fose verdade. Estaba na casa do perdón e iso dá licenza para falar, prometer e calar. 

En Santiago entregáronse as Medallas de Galicia, as que honran aos bos e xenerosos, á multitude e, neste ano, foron medidas en pasos. O presidente da Xunta estreouse cunha concesión de Medallas Xacobeas. É como dicir que o Xacobeo constitúe a máis importante industria cultural de Galicia, o lugar común para que, atendendo ás diferencias, todos poidan erguer o puño e, se é o caso, berrar con moita forza contra o desastre e a desfeita, contra o lume e contra aqueles que lle atizan. 

O discurso de Rueda Valenzuela, na entrega das Medallas, foi correcto e respectuoso con todos os que estaban alí, atentos e case perplexos ou atónitos ao ver que o mundo non se acababa e que todo segue funcionando igual que se nada pasara.  Todo foi Xacobeo e moitos agradecen que así fose. O presidente da Xunta non esqueceu de citar e honrar a Portomeñe, aquel conselleiro que, a principios da década dos noventa, revolucionou Galicia co invento do Xacobeo 93. Alí estaba coa súa medalla de Galicia (2010) pendurada do pescozo, escoitando o paseniño transcorrer do tempo.

Louvou Alfonso Rueda aos premiados dicindo que todos eles desenvolveron accións  destacadas na necesaria promoción e defensa do Xacobeo e do Camiño de Santiago, tratando que sexan cousa de todos. Naturalmente, de todos e nosa, dos que o contamos e dos que, con toda a paciencia do mundo, escoitan, len, miran e andan por calquera dos camiños cara a Santiago de Compostela.

Misa en honor de Rosalía, ofrenda en Rianxo para honrar a Castelao e festa na Carballeira de Compostela, con milleiros de romeiros cantando, ampliando a patria, alongando na Quintana a voz recia da lideresa sarriana, da Pontón de ferro que moitos, dende o poder, miran mal.

Entre tanto, as cinzas do Courel, da Pobra de Brollón e do Barco de Valdeorras atoan os regatos e cegan as outras canles da auga e da vida. E respecto aos políticos, como di a Tía Manuela, “déixaos que falen!”

Te puede interesar