En paraxes excepcionais

En paraxes excepcionais

Parece un verdadeiro milagre, aínda ben non remata unha festa e comeza outra coa mesma fortuna. Os máis novos e os máis vellos do país recorren a terra deles, provincia a provincia, detrás dunha romaría, detrás da conmemoración dun milagre. Van ofrecidos ou sen devoción, van en ringleira, cadaquén ao seu xeito, á súa maneira, andando, correndo, cos pés descalzos, coa cara tapada, cantando, chorando ou rezando. Chegan ao santuario rezan o que poden, comen o churrasco de vaca cachena ou de porco celta, bendicen o café de pota con augardente auténtica e volven para a casa devagar, sabendo que ao día seguinte hai que traballar. 

Os Milagres en cada esquina. Case todas as parroquias de Galicia teñen a súa festa, a romaría de época, que alimenta o espírito e axuda á industria das candeas, aínda que, en moitos dos santuarios, os cirios xa non son de cera, son electrónicos e funcionan sen fume, igual que as tragaperras, esas máquinas comecartos silenciosas, que fan verdadeiros milagres, sen contar coa intervención divina. Os Milagres de Amil, en Moraña; o Santo Milagre do Cebreiro, os Milagres de Monte Medo, en Baños de Molgas; os de Couso, os de Caión e tantos e tantos outros recordados, cada ano, en tantos e tantos santuarios galegos.

Xúntase a devoción, a afección, a curiosidade, o afán por coñecer, o costume e o negocio nas contornas dos santuarios, dos moitos santuarios que temos, con enorme interese relixioso e coa riqueza patrimonial e cultural  indiscutible, que eles teñen. Os vendedores ambulantes, os comerciantes e os das casas para comer e durmir da localidade e das proximidades, os cregos, músicos, animadores culturais e todos, sen excepción, rezan con interese para que faga bo día e que non chova ata entrar a tardiña.

As axencias de viaxes especialízanse en turismo de santuario e axudan a promocionar os distintos lugares, todos eles situados en paraxes excepcionais. A Virxe da Barca, Santa María da Pastoriza, o Santuario Mariano da Escravitude, a Nosa Señora das Ermidas, Santa Marta de Ribarterme, Santa Mariña de Augas Santas ou aquel  ao que “vai de morto quen non foi de vivo”, Santo André de Teixido, son exemplos para ilustrar as crenzas dos romeiros galegos, que -como di a Tía Manuela- “igual que os políticos, cada un vai ao seu”.