Opinión

Escoitar e aprender

Europa quere evidenciar que o Patrimonio Cultural, “onde o pasado se atopa co futuro”, é un ben tamén de valor económico, social e medioambiental. Así coa declaración de 2018 como “Ano Europeo do Patrimonio Cultural” fai que as institucións e diversas entidades sociais aproveiten para dar realce a este patrimonio nos seus respectivos ámbitos, conscientes de que se trata dun recurso para procurar riqueza e fomentar melloras na calidade de vida dos cidadáns. 

Entre os milleiros de iniciativas e eventos que, con este motivo, se desenvolven en todo o territorio europeo, en Savane do Courel terá lugar, os días oito, nove e dez de xuño, un seminario sobre o patrimonio inmaterial, arqueolóxico e histórico do concello. Está organizado pola Universidade de Santiago de Compostela, a través da Estación Científica do Courel que dirixe o profesor Antonio Rigueiro, experto en temas vinculados co medio ambiente. Parabéns!

O Courel é un concello situado nas terras montañosas do sureste de Lugo, rodeado polo Bierzo leonés e polos concellos galegos de Pedrafita do Cebreiro, Samos, O Incio, A Proba do Brollón e Quiroga do gran viño e bo aceite. A súa riqueza cultural, histórica e paisaxística é enorme, tan enorme como a bonhomía das súas xentes, como a inmensidade dos seus tesos, como a transparencia das augas dos ríos que baixan, como o verde esperanza dos prados, nos que xa pacían as vacas que caeron na cova da Tara.

Cando vas de Samos, e entrando no Courel, ves os cumios todos coa súa altura inmensa. Tanta altura e tan serena. Daquela, en chegando ao Alto da Pedra, compréndese e enténdese perfectamente aquilo de Uxío Novoneyra, “Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe! / Eiquí síntese ben o pouco que é un home”.

Por A Ponte e Bustofrío ou por Gundriz, pola Lóuzara xabreira de Fiz Vergara e cos ecos musicais dos Padernes, cortando os ventos irados de Martín de Padruzelos, chégase a Savane. Alí estará todo disposto para escoitar e aprender dos que saben de poesía, de música, de xestión patrimonial e cultural, de etnografía, arquitectura e arqueoloxía, das plantas curandeiras, da historia, das ferrerías ou das feiras, das minas, da arte, da cristianización, da administración, do castelo de Carbedo ou do “bicarelo do bico do brelo”.

Te puede interesar