Opinión

Escuridade total

Foi ao souto e sen mancarse, a duras penas. Foi a onde tantas veces fora apañar castañas, amontoar os ourizos na ouriceira e despois volver cando abrían, para recoller as castañas, aquel froito tan prezado e apropiado para quitar a fame da multitude famenta, da veciñanza e dos da casa. Ao andar por entre os castiñeiros naquel souto descoidado, con broza, silvas e as árbores cheas de esgallos, fóiselle a memoria a outros tempos non moi pasados. A aqueles anos cando o seu pai plantara uns castiñeiros novos e de boa raza, para que medraran pronto, deran castañas para o caldo, para cocer ou para asar, e madeira para facer táboas seguras e arranxar a cociña.

A memoria vai e volve cando quere e como quere, respirando fondo no máis achegado ou na lonxanía, traendo o pasado onda nós, a pesar dos lamentos de Espronceda, “por que volvedes á memoria miña, tristes recordos do pracer perdido…?” Pero aí están dando que falar e dando que pensar aqueles tempos que xa se foron e que axudarán a mellorar, se cadra, aos que veñen en camiño.

Polos camiños de carro non se andaba, non se vían nin se pisaban. Os carreiros xa non existen, están á beira do barranco, con leña podre e canas atravesadas, impedindo o paso e obrigando a circulación dos xabarís por baixo delas. Precisamente os pasos do xabarín e do zorro marcaban o vieiro para que aquel home chegara ao lugar que buscaba, A Ouriceira do Galo.

Alí, diante dun castiñeiro, coa súa caracocha inmensa, parouse, mirou no móbil que día era, que hora era e gardou na memoria (do teléfono) o punto xeodésico onde estaba. Estaba pisando nunha calzada romana intacta, cuberta con bulleiro e disposta para seguir outros miles de anos. O seu pensamento foise inmediatamente a ese piares da estrada que se derrubaron ao pasar Pedrafita, con só vinte anos de vida.

Ao seu carón estaba un caleiro, feito con pedras da zona, con materiais sinxelos, con esforzo e con sabedoría, igual que a calzada que fixeran os romanos. Alí naquel lugar hai máis caleiros, fornos onde se coce a pedra e calcina o cal. Hai de todo naqueles soutos, naquelas devesas, naqueles lugares que parecen abandonados da man de deus.

Como di a Tía Manuela, as cousas no rural andan mal, igual que nas vilas e nas cidades. A claridade escápase dos ollos, vaise por detrás dos castiñeiros e nós non temos forma de agarrala. Escuridade total.

Te puede interesar