En Galicia, o viño tan só se fai de uvas

En Galicia, o viño tan só se fai de uvas

Para que o viño galego manteña ou sega aumentando o seu prestixio internacional , compre coidar as cepas, as vides, as ribeiras e as bodegas cada día, cada minuto, tódolos instantes de cada temporada.

A este coidado, que debe estenderse aos consumidores, contribúe o CSIC, a través da Misión Biolóxica de Galicia, co traballo dun grupo de investigación, que conta co financiamento da Fundación Juana de Vega e cinco bodegas das Rías Baixas, Ribeira Sacra, Valdeorras, O Ribeiro e Monterrei.

Este grupo, dirixido pola doutora Carmen Martínez, dedicou tres anos a estudar as característica e a virulencia dos fungos responsables das tres principais enfermidades das vides: Mildiu, Oídio e a Botrytis. Os resultados presentáronse este verán e son unha achega importante para coñecer e logo combater a eses perturbadores, sabendo que o viño, “grande compañeiro para o camiño”, tan só se fai de uvas.

Prodúcense en Galicia, onde hai unhas cincocentas bodegas, máis de 35 millóns de litros de viño cada ano,
cunha facturación, en 2014, duns 150 millóns de Euros e cuns 18 mil postos de traballo directos. Temos vides de boa raza nos territorios das cinco denominación de orixe que hai en Galicia, temos viticultores expertos e sabedores do que fan, aínda que, maioritariamente, de idade avanzada. Temos a obriga dunha inmediata renovación xeracional neste eido.

Temos convencemento de que a investigación seguirá aportando coñecemento, para deseñar programas que permitan identificar e describir aos fungos destrutores e poñer á disposición dos viticultores eficacia na prevención e na curación das enfermidades das vides, garantindo así que teremos sempre un viño que, amais de bo, é saudable e san. Como dicía Hemingway, “unha das cousas máis civilizadas do mundo”. Como ten que ser!