Opinión

No hospital, 
para curar

Estaban os tres no mesmo cuarto dun hospital privado (concertado), aínda que as súas doenzas eran distintas e de gravidade diferente. As camas, cos seus cabeceiros na mesma parede e á fronte a televisión de pago. A conversa destes pacientes non era moi enriquecedora, pero era fluída e parecía sincera. Entrando, o da primeira cama á esquerda era un enfermo que aparentaba estar san, tiña os seus oitenta cumpridos e na casa deixaba á muller, á vaca Marela e cerca doutra ducia de animais de pequeno tamaño, algunhas pitas, un par de coellos e dous ou tres cans. En fin, os animais de compañía, que tantos agradecen a súa presenza.

O que estaba na cama do medio era un home delgado, de bo ver, pendente en todo momento dos seus netos, unha nena boísima de quince anos e un mozo moi listo que xa estaba na Universidade estudando, ao mesmo tempo, dúas carreiras difíciles. O terceiro, tamén no entorno dos oitenta, era xubilado de boa paga, un lector constante e amante, fundamentalmente, da novela histórica. Vivía na súa casa coa dona e un par de gatos raxados.

Un deles era do Madrid, outro do Celta e o dos netos, do Deportivo. Discutían de política, “desa que converte aos homes en ruíns”, de economía, dos pagos a facenda, dos viños de Galicia, de La Rioja, de Valdepeñas, de Burdeos, de Toro e da Ribera del Duero. Gustábanlles todos. Apaga a televisión!, dixo un deles. Non soporto a ese equipo e vai gañar, a pesar de que esta xogando mal, peor. –date a volta, compañeiro, non mires! Neste preciso instante, entra Isolina, a súa dona, -Fulxencio!, non sufras, pon nos ollos este trapo negro que che traio. –Moitas grazas, muller. -E, como quedan os gatos? –Moi ben, dá xenio velos, Vanesa está gorda, a punto de parir e Meritorio, despois de preñala, segue de ruada con tódalas felinas do lugar. Ao velo tan fermoso, acordábame de ti.

A enfermeira chega correndo, esixe a ausencia da visita, reparte as pastillas e vaise tamén correndo. O home que estaba con descomposición tomou o laxante e os outros equivocáronse igualmente. Despois, a un deles fervíalle o sangue e ao terceiro entroulle unha somnolencia de tan alto grao que ninguén o puido espertar ata o día seguinte. Isolina foise tranquila para xunto dos gatos e Fulxencio quedou no hospital, para curar.
 

Te puede interesar