Opinión

O armario baleiro

Tiña un magnífico armario de nogueira, con catro portas e un espello para verse de arriba a abaixo. Era un armario con estantes, caixóns e filigranas incrustadas na madeira, como se fosen xoias penduradas do pescozo da ama da casa, da señora Matilde, que quería dicirlle aos achegados e visitantes que a súa era a mellor casa do lugar, a que tiña cousas para gardar e sitio para gardalas. A moda naquel tempo era ter máis e mellor roupa que as outras. Roupa para vestir, para regalar e para presumir. Roupa para abrigarse e para poder cambiar de abrigo cando fora necesario ou cambiar de chaqueta, cando quixera cambiar. 

Nunha esquina dese enorme armario estaban pousadas dúas sabas de estopa, restreladas do liño que ela cultivara, cun enorme traballo e coa colaboración da veciñanza. O traballo de preparación do liño foi, na súa época, un traballo colectivo. As mulleres e os homes do lugar facían como unha roga e ían de casa en casa, da casa ao río e do río á eira, laboreando, mallando, mazando, cantando e, ao rematar a xornada, bailando e recordando que: “Xa vén o tempo de mazar o liño, / xa vén o tempo do liño mazar”. 

Son poucas as persoas que lembran os fiadeiros e as ruadas do traballo, as noites en vela e á espera pola mirada da veciña, da amiga ou do amigo, mentres os máis vellos cantaban as regueifas e rían sen parar. Eran tardes e noites de festa difíciles de esquecer, noites milagreiras, segundo as lendas e segundo o contar da xente que viviu aquelas ruadas populares con baile e música tradicional, que segue honrando aos fiadeiros e a aquela xente de fiar que fiaba. 

Os recordos gardábanse no corazón, na memoria e no armario. Agora son outros tempos, gárdase todo na tarxeta do móbil, nunha tarxeta diminuta, na que entra todo o que cadaquén queira e, aínda, moito máis. 

Na memoria dun teléfono vai a historia que enchía os tomos de varias enciclopedias, o mundo enteiro, cos costumes, as tradicións, os pensamentos, a filosofía, a tecnoloxía e tódalas especies vexetais e animais que existen e viven. Pola contra, calquera outro armario de madeira nobre, traballada e torneada, quedou baleiro e está agardando a súa retirada. Xa o di a Tía Manuela, “o pasado alá vai, o porvir está por chegar e o armario, o noso armario, con tódalas pertenzas, segue baleiro”.

Te puede interesar