Opinión

O malo é apañalas

A costureira que ía polas casas das aldeas arranxar a roupa, segundo din os máis vellos do lugar, nesta tempada todo era coser e cantar, alegría para seguir o fío das longas costuras daquel abrigo vello, daquela blusa recortada ou da camisa sen colo. Nestes tempos de outono, as castañas quitaban a fame da veciñanza e a daqueles que facían labores para uns e para outros, naquela casa e naquela outra.

Aqueles tempos de traballar a mantido (e moitas veces só polo manturio) van aló e que non volvan. Pero moita da nosa xente aínda os ten na memoria como un dos referentes da miseria pola que pasaron os seus pasados recentes. Que vaian e non volvan! Outra cousa é falar das castañas, do castañal, da ruada e da fartura. Sabíano as costureiras, os canteiros e carpinteiros, os ferradores e os capadores. Os que enchían a funda do xergón ou almadraque de follas secas, de palla seca ou de serdas dos porcos da matanza tamén o sabían ben.

Un paisano aldeán de gusto refinado e de pel curtida polos anos e o traballo, o señor Amador do Carreteiro, era incapaz de durmir nun colchón de serdas e a súa muller e nai das sete fillas que tiñan, non era quen de durmir no xergón de pallas. Iso si, naquela casa, a todas lles gustaba comer castañas pilongas, secadas no canizo da lareira, curadas, lixeiras e caras, coa fortaleza da madeira nobre.

As castañas con touciño e con viño, con leite, aceite e auga, solas ou con calquera cousa, asadas ou cocidas e peladas, son saborosas, deliciosas, e máis aínda, cando están de temporada. Unha colega de vostedes, amigos lectores, e colega dos xornalistas deste periódico, varea aos castiñeiros do souto seu e reparte as castañas entre as amizades. Cun magosto por semana, tódalas súas amizades van tarde para a cama. Xa o di o refrán: “Castañas en cocción, en outono e inverno: boa alimentación”.

En Galicia, segundo os datos da administración autonómica, recóllense anualmente uns vinte millóns de quilos de castañas, que son tratadas, peladas e conxeladas en procesos industriais, para seguidamente ir aos mercados estranxeiros, alí onde as distribúen, as cociñan e as comen, como un dos froitos máis apreciados, máis saudables e valorados.

A Tía Manuela ten a súa opinión, baseada na experiencia, “as castañas sempre foron boas, aínda que sexa na ouriceira, o malo é apañalas”.

Te puede interesar