Opinión

O pan necesario

Daquela, cando Basilia era unha rapaza, unha moza de dezaoito ou vinte anos, o pan cocíase en fornos de leña e a masa era de trigo, de centeo ou de millo, levedaba na artesa da cociña, á calor da lareira, ao carón do lume que, coa luz súa, cocía o caldo para o xantar da xente da casa. 

“Con pan e viño ándase o Camiño”, dicía un refrán dos vellos, dos máis sabios do lugar, daqueles que se descubrían erguendo a pucha, que inchaban o peito e, por arriba da escuridade, miraban para un tempo novo que nunca chegaba. Querían un mundo diferente e mellor para eles, para os fillos, para os netos e para a veciñanza. 

Querían un mundo no que todos puideran falar, traballar e comer pantrigo. Víano ao lonxe, sempre igual de lonxe. Mentres tanto comían broa, dese pan de millo do que tanto falan os expertos gastrónomos multimedia, que ofertan e ensinan receitas por millares, a través dos distintos medios de comunicación e das súas redes sociais. É curioso e de agradecer. Moitos deles saben que a fariña é grao moído. E, do muíño saben pouco, se acaso algúns versos, como estes do poeta Fiz Vergara Vilariño, ... Fálame ti, vello muíño, / meu bon albeiro proletario, / cobillo de amores á beira da fonte …

Agora, fan pan os panadeiros e, na casa, moitos dos consumidores. Xa ninguén pide pan prestado nin se lembra de cando estaba balorecido e amofado, estragado polo tempo e a miseria. Temos para comer e presumir pan bo e moi bo en Galicia, de trigo, de centeo e de millo. Pan que todo el é como o pantrigo. Temos quen nos fala do pan de cebada, de avea, de soia, de escanda, de arroz ou de quinoa, pero como di a Tía Manuela, “gústanos que o pan sexa pan”. 

O pan é saudable acompañante sempre, é para comer con sardiñas ou con torresmos asados, para comer con salmón afumado, con ovos fritos e arroz requentado, con mel de uz ou de mil flores, con queixo fresco ou ben curado, con marmelo, carne de boi ou á prancha tostado. Para as sopas de leite, para as de allo e para as de viño, as sopas de burro cansado. 

Pan para cada día, para o almorzo, para o xantar e a cea, para a fartura, para o camiño e para a parada. E, moi especialmente, para eses millóns de persoas que teñen fame. Os que mandan na produción e na distribución de alimentos, que se expliquen, que funcionen e que axuden a facer xustiza social, aínda que só repartan algo para facer o pan necesario. 

Te puede interesar