Para negociar e trasixir

Para negociar e trasixir

Baixaba mirando e observando o que pasaba diante da biblioteca onde de nena, cada día, lía e xogaba con aqueles múltiples xogos de intelixencia que alí había. Camiño da casa, fala cun amigo e discuten sobre a lingua, sobre os cambios que se producen cada ano na lingua e que se reflexan no dicionario da Real Academia Española (RAE), o dicionario en liña que, para estar perfectamente ao día, a finais do ano pasado realizou 2.451 modificacións con respecto á última actualización, en decembro de 2017. 

Este dicionario, unha riqueza proporcionada pola tecnoloxía, pola academia, os académicos e os usuarios do idioma, está dispoñible, dende finais de 2015 e de forma gratuíta, para a súa consulta e, segundo os seus responsábeis, durante o ano 2018 recibiu unha media de sesenta millóns de consultas mensuais. Noraboa e parabéns! Moi especialmente para Darío Villanueva, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, director e máximo responsable da RAE nos últimos anos, xusto ata o pasado mes de decembro. 

Agora é correcto escribir baipasear, abrumante ou ciberarte, selfi, meme, escrache, viagra, femicidio  ou sororidade, por transcribir algúns dos exemplos que cita a propia RAE. A última, a 23.ª edición do dicionario da lingua española, e poida que a derradeira, con 93.111 entradas, publicouse en outubro de 2014, cun total de 195.439 acepcións distintas. Estamos diante dun idioma de enorme interese e con moitos falantes, 572 millóns de persoas, aproximadamente, o sete con oito por cento da poboación mundial. 

Identificáronse novas palabras e novos significados, revisáronse palabras que xa figuraban no dicionario e déuselle unha volta á norma para adaptala á realidade ou adaptar a realidade a ela, en función do “aumento do coñecemento”, agrupando as voces en áreas temáticas ás que pertencen, polas súas características, pola súa procedencia (etimoloxías e estranxeirismos)  ou pola área xeográfica na que se documentan. Xa o dicía a Tía Manuela, o idioma é como a alma do pobo. Para falar, para entenderse, para escoirar, negociar e transixir; para aprender, para ensinar e cantar. Para ver a vida cambiar.