Opinión

Os peregrinos, da nosa xente

Galicia é o destino dos Camiños de Santiago. Veñan de onde veñan, de calquera punto de Europa ou do outro lado do mundo, teñen a meta e o final en Santiago de Compostela e, despois, en Fisterra tamén de Galicia, ao carón do mar e do ceo, do ceo de verdade nubro e do mar Atlántico, envolto e lavado con auga salgada. Hai camiños dabondo e todos ou, máis aínda, as persoas que os promoven seguen a ruta do tempo, van imparables por onde teñen que ir e chegan. Sempre chegan, deixan lugar para volver e volven.

As cidades de Galicia son xacobeas. Despois de Santiago, Ourense unha das que máis. Ten cheiro xacobeo, espírito xacobeo, camiño atravesando ou pisando arte, peregrinos deleitándose no Camiño, peóns conspirando en tódalas esquinas, políticos aspirando, en acción precipitada de rastreo e indagación. Todos, ou cando menos moitos, dispostos a seguir resistindo, traballando e pescudando para que o mundo sexa doutra maneira. 

A Coruña é xacobea tamén. Foi un porto de referencia e alí están as pegadas milenarias dos peregrinos que camiñaban a Santiago, tan cerca e tan lonxe ao mesmo tempo. Dos peregrinos que viñan por mar e dos que andaban por terra despois de desembarcar noutros portos da redonda, no Ferrol de Galicia, en Neda ou quen sabe onde? Onde podían, seguramente. A cidade de Lugo, a cen km. de Santiago, como Ourense,  ten o Camiño Primitivo que vén de Oviedo,  cruzando montes, baixando aos vales e subindo aos outeiros, aos cerros de Asturias e de Lugo. Nesta cidade cómpre parar, incluso, para moitos peregrinos é o lugar de empezar. 

Vigo e Pontevedra teñen ría, mar e Camiño. Están as dúas cidades, con Redondela e Arcade no medio, atadas polo Camiño Portugués, que trae romeiros e peregrinos a Santiago, ano a ano e día tras día, sen parar, para que o son das augas dos mares se converta en irmán do son dos ventos que brúan con forza, tan preto e tan lonxe.  

Tui, na entrada de Portugal, e Mondoñedo, ao lado da Mariña lucense, teñen cadanseu Camiño, como mostra inequívoca de que polas súas terras andaron peregrinos. Uns do Norte e outros do Sur. Todos viñan co esforzo gravado na cara , na alma e no lombo. A Tía Manuela explícao moi ben: “Veñan de onde veñan e por onde veñan, os peregrinos son da nosa xente”.

Te puede interesar