Opinión

Que fagan país

Efectivamente, agora nesta Galicia nosa, coa zona rural toda a monte, a terra é para quen a traballa. Na Galicia abandonada caeron e seguen caendo as casas aldeás, desapareceron os lindeiros, borráronse os carreiros e cegáronse os camiños. Non hai leiras para o cultivo, nin prados para regar nin can que lle ladre. Hai terra para traballar, labrar, andar e coidar. Temos o país co rural baleiro de xente, descoidado e á espera do que poida pasar.

Cunha extensión que se acerca aos trinta mil quilómetros cadrados de superficie, Galicia ten unha poboación de case dous millóns setecentos mil habitantes e cada día van minguando. O abandono do rural hai que paralo, hai que crear condicións para que a mocidade poida quedarse, vivir e traballar na aldea ou dende a aldea. Temos a poboación envellecida e unha taxa de natalidade que se aproxima ao cero.

As escolas rurais están caídas, escondidas detrás das silveiras ou nunha morea de escombro, como se fosen un marco xeracional para recordarlles aos que quedan vivos que houbo outro tempo neste mesmo período. As airas desapareceron, ferreiros non quedan, non hai oficios, non hai comunicacións eficientes nin fontes para beber. Os auditorios dos anos oitenta están pechados e coas luces apagadas. Tamén pecharon as estacións de Renfe e, por suposto, os apeadoiros, mentres o tren vese pasar ao lonxe, cara a un lado e cara o outro. A onde irá ese tren, sen parada?

Aqueles coches de liña que tiñan a súa hora e levaban a xente á feira ou á vila, onde estarán? Quen sabe onde estarán! Onde irán as feiras de cada lugar? E, ao non funcionar internet, a onde irá a xente para comprar, para vender, estudar ou bailar? 

Golpe a golpe, o rural esmorece. Desaparece para deixar un ermo, un deserto de maleza que cubra a terra de mar a mar. E despois? Enseguida, cando non se precisen os servizos funerarios, a onde iran os modernos tanatorios, tan prezados e tan gabados? Cada concello ten o seu ou un par deles. Alí fanse os velorios, chórase a perda do familiar querido, do veciño ou do amigo. Os que queren rezar, rezan, e moitos converten á casa dos mortos no centro social do lugar.

En Galicia hai unhas dúas mil aldeas abandonadas e unhas nove mil teñen menos de dez habitantes e todos son vellos. Á vista dos datos, a Tía Manuela quere facer unha chamada ás autoridades para que freen a desfeita, xunten as forzas e fagan país.

Te puede interesar