Opinión

Recordar é saudabel

Aló vai o ano e aí vén febreiro de 2019. Despois marzo, abril das augas mil, maio e o verán, para chegar enseguida, en menos de que canta o galo, outro decembro terminal. Agardamos que este que comeza sexa venturoso para todos os lectores deste xornal, para todos e todas, en xeral. Rematou o ano do vinte e cinco aniversario do Xacobeo 93, aquel proxecto que tanto deu que falar e que moito deu que facer. Coincidencia total de todos os sectores sobre os logros do evento de Portomeñe. Parabéns por tódalas esquinas, en tódolos foros, nas miradas, nos falares, nas camiñadas, nas vilas, nas cidades e nas aldeas de Galicia. Parabéns dende os medios de comunicación, dende os púlpitos, dende os comercios dos Camiños de Santiago, dende os negocios de hostalería, dende as institucións, asociacións e de particulares amantes do Camiño ou dos Camiños. 

Parabéns e todo ben! O Xacobeo 93 foi, certamente, un éxito para Galicia e regou co seu propio zume as aspiracións, os soños e a memoria dun país enteiro, dunha Galicia que se fixo grande, coñecida e recoñecida en Europa e no mundo enteiro. Expertos en economía, en historia, en socioloxía, comunicación, dereito, ciencia política e cultura valoran a iniciativa como un dos proxectos máis importante dos gobernos da autonomía de Galicia, como “o único proxecto que acadou os obxectivos marcados” e que lle deu unha volta á economía de Galicia, revalorizando o seu patrimonio colectivo en tódalas súas vertentes e dimensións, en tódolos seus lugares.

Foi moi significativo que a Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (Apecsa) recoñecerá que estes logros foron cousa de todos, incluso dos discrepantes.

O recoñecemento fíxoo concedéndolle ao Parlamento de Galicia o seu o Premio Internacional de Divulgación e Promoción do Camiño de Santiago, lembrando que os deputados dos distintos grupos, BNG, PSdeG e PP, aprobaron  por unanimidade o proxecto Xacobeo, ao que tamén se sumaron, de forma moi activa e participativa, os concellos polos que pasan as rutas xacobeas, especialmente os do Camiño Francés, Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Palas de Rei, Melide, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela.

Agora están en marcha os preparativos para a elaboración da programación para o Xacobeo 21 que será, a bo seguro, o da consolidación dun proxecto sostible, amparado no respecto ás persoas e ao medio ambiente. Ben o di a Tía Manuela, “o Xacobeo converteu ao Camiño, enorme espazo de comunicación, na grande industria de Galicia, respectuosa coas tradicións, coa modernidade, coa cultura e a paisaxe, coa espiritualidade, a arte, as xentes e  o medio de vida de cada quen”. Recordar é saudábel. Sigamos!

Te puede interesar