Opinión

Veñen coa desavinza

Estaba sentado nunha cadeira de madeira de carballo forrada con tela de cadros e coiro de vaca vella, con cor indefinida polos anos, ao carón da cociña e da televisión, da que saían ringleiras de noticias malas, da boca de experimentados profesionais consternados diante da desgraza que contaban e ensinaban, que miraban e que tanto doía nos seus corpos feridos e na alma abatida e conturbada do pobo galego enteiro e, en silencio, dobregado. Non era quen de entender nada, non alcanzaba a saber cal era a razón ou as razóns polas que tanto se queimaba na súa terra baldeira, no seu pobo empobrecido, sen xente, sen gando, sen besta e sen cabalo. Sen nada e coas casas en proceso acelerado de desaparición. 

A cadeira que usaba, ao abrir a porta do cuarto, quedaba detrás dela, escondida. Era de catro patas torneadas ou feitas coa machada dun ebanista veciño e amante das cousas duradeiras, das que son para sempre. Para sempre non hai nada, meu amigo, díxolle a prima Xenerosa a aquel home triste e apesarado polo mal que roldaba a súa cabeza, cuberta de longos pelos brancos. El asentía e seguía pensando na dor do peito dos seus veciños, dos mortos e, sobre todo,  dos mortos de pena. 

A seguinte noticia tirouno. Caeu da cadeira e quedou estrado non chan, tan longo como era. Quedou ladeado mirando para o infinito, que por certo nunca se lle ve o final. Un par de horas máis tarde, aquel home deu unha volta de cento oitenta graos e seguiu mirando para o infindo, do outro lado. Non entendía o que escoitaba, non escoitaba o que lle gustaría que lle contaran, non tiña sosego nin acougo, non vía paz na casa, nin no lugar, nin en Cataluña, nin en Portugal, non atopaba acomodo por ningures. 

O outro parente que lle quedaba vivía afastado, pero achegouse enseguida, entrou naquela casa de súpeto e, alumando coa lanterna do telefono móbil, achegouse a aquel home, agarimouno e gravou con el un vídeo, para distribuír polas redes socias e deixar constancia de que o home, por moito e moi lonxe que mire, é pouca cousa con respecto á natureza, e non é nada en relación co infinito. Xa o dicía a Tía Manuela, o mal e o desaire, a enfermidade, calquera miseria, destrución  e a morte chegan correndo e non se deteñen, veñen coa discordia e a desavinza.

Te puede interesar