Opinión

A boas horas...

Pois mira que leva chovido e non auga precisamente. Dende hai moitos anos cantidade de estadísticas afirman que Galicia está perdendo poboación, maiormente no rural e, dentro dela, Ourense é a provincia que se desertiza. As aldeas quedan valeiras e como consecuencia desaparecen servizos. O mato e as silveiras campan cada día máis, e xunto ós xabaríns é o único que medra por todo o territorio. Mais este asunto nunca irrumpíu nas campañas electorais. Con todo, o tema non ten, segundo o modo de ver dos políticos que están no poder, a suficiente entidade pra ser merecente de máis atención ca unhas poucas verbas.

Algo semellante aconteceu durante catro anos nesta vella Auria. O que sempre se considerou mantemento, limpeza e reposición de material en mal estado ou esnaquizado e facíase habitualmente día a día, agora, despois de case catro anos, faise en plena campaña electoral como se fose unha gran obra. Parece que os tempos mudan, e o que denantes era dun xeito, agora xa non o é. E para lavar a cara da urbe e tamén do rural, repóñense pedras e límpanse algúns camiños debrozandoos de silvas e maleza. Viva a eficacia. Máis se o pensamos ben, esta forma de traballar non deixa de ser moi pobre, oportunista e incluso un tanto arbitraria. A reposición das pedras marcadas polas rúas e a limpeza dalgunhas zonas do rural soamente indica a pobreza dun poder municipal que pasou catro anos con máis pena que gloria.

Con todo, un pensa que, alomenos en campaña, un problema importante sube de escalafón e empeza a pórse na mesa onde, algún día, cando sexamos moitos menos habitantes, alguén porao nunha pancarta que diga: Ourense tamén existe, e dende ise momento empezarán a tomarse en serio estas cousas. Logo, a partires dese intre, haberá que chegar a consensos e facer plans de reposición humana nas zonas do rural que agora agonizan na soidade desta terra fermosa e singular.

Que dende Santiago, onde está o poder político, digan que Ourense ten futuro, en certa medida é alentador. Pois estase recoñecendo a triste realidade dunha provincia que esmorece día a día. Unha provincia que leva máis de trinta anos perdendo poboación e que hai que facer algo pra reverter a caída. Claro que unha cousa é o que se di durante a campaña, e a outra o que se faga despois.

En fin, que despois de ir esmorecendo a provincia ano tras anos, que alguén se decate do que acontece empeza a ser positivo. Esperemos que algo novo dende a política ilusione ós ourensás para fuxir dun futuro gris-escuro como o que hoxe albiscamos. Con todo, a boas horas chega este asunto. Pero xa se sabe, os problemas non existen para quen manda mentres non se poñen enriba da mesa de decisións. E de momento o despoboamento desta terra, cecais pola falta de presión e conciencia cidadá, aínda non é un asunto prioritario.

Te puede interesar