Opinión

A deriva ourensá


Todos che son iguais, din algunhas persoas cando falan dos partidos políticos e da política que lle atinxe. E moitos afírmano con tal rotundidade que da certo arrepío. Mais o certo é que moitas persoas que isto din parece que queren facer un partido político a súa medida ou comenencia. E ignoran que vivir en sociedade implica estar, en moitos casos, en permanente choque e contraste de ideas e, polo tanto, de solucións diferentes a problemas comúns. Mais como a todos nos gusta escoitar solución concretas, ás veces picamos e apoiamos a eses predicadores que prometen o ouro e o mouro, ainda que despois nos lamentemos e teñamos vergoña de admitir que nos trabucamos.

Por eso cando se fala de que todos son iguais, esa afirmación ten un obxectivo: arredarnos da política para que gobernen os de sempre. Mais nestes tempos nos que a TV e as redes sociais permiten moitas cousas boas, a través delas cólannos todo tipo de trolas que tentan manipular ó común dos mortais. E eso foi o que aconteceu neste Ourense recibindo continuos mensaxes dende unha TV local.

A primeira cuestión dos que así falan radica en que saben que nunha sociedade tan individualista como a nosa, a promoción do particular está en auxe e, pola contra, a defensa do colectivo está en total decadencia. E nese contexto, as persoas que se adican ó traballo social dende un colectivo ou un barrio, sen ningunha remuneración, reciben todo tipo de calificativos negativos por parte de quen ostenta o poder. E sempre se di que están politizados eses colectivos veciñais. 

Na nosa cidade, baixo o nome dun grupo, aínda que era so unha persoa, predicouse que iba arranxar todos os problemas do Concello nun par de meses. Mais coa súa verborrea acadou o obxectivo de meter á cidade nunha deriva moi perigosa. E nesta vella Auria introduciu un sistema personalista onde as ocorrencias son o pan de cada xornada. Dito doutra maneira: actúa como un anano ditador. E como nada positivo puido levar a bo termo, salvando pequenas chapuzas, agora, esquecendo totalmente o que dicía e predicaba, moléstanlle as pancartas reivindicativas. E axiña manda a Seixalbo e á Ponte retiralas con Policía e Bombeiros. Logo afirma que a Asociación Veciñal, no caso de Seixalbo, está politizada, ignorando que son catro os colectivos que din que todo o que funciona ben non se toca e que “nin un paso atrás” na defensa do servizo de autobuses que hoxe temos. Debe saber a cidadanía que o ínclito alcalde quere eliminar dúas liñas de bus que entran a Seixalbo. Ou sexa a 1 e a 2. Liñas que están entre as que máis viaxeiros moven na cidade. O chiringuito de Jácome so sirve para darlle gloria a un persoeiro escuro que goza de vivir no medio da lama fozando e insultando a quen non lle ri as súas fantochadas.

En fin, que todos non son iguais. E agora nótanse as diferencias. Hai uns que por estar amarrados ao poder non saben vivir sen el, pois é a súa forma de vida e dilapidan os cartos públicos con decibelios festivos para contentar a adolescentes. Logo a iso chámanlle cultura. Por eso, hoxe en Ourense precísase con suma urxencia unha alternativa política seria para liberarnos deste lastre; unha alternativa que sendo contundente na defensa da democracia nos poida liberar desta maledicencia que hoxe padecemos.

 Na política, o mal menor, ás veces, supera os enconamentos que son parte da culpa do que acontece hoxe en Ourense. Por tal motivo, esta cidade entrou nunha deriva da que vai custar tempo saír, dado que quen manda hoxe desprestixiou a institución municipal e curar ise mal vai custar tempo.

Te puede interesar