Opinión

A fantasía consumista

Pregúntome si saberíamos vivir sen pensar nos cartos. E afirmo, con toda franqueza, que non. Non podemos camiñar pola vida sen ter uns referentes económicos; cuestión que ven a demostrar que, pra termos segura unha asistencia que nos permita certo benestar, precisamos dunha mínima seguranza e iso, a día de hoxe, dánolo a economía do país e a nosa. E seguindo o camiño das preguntas, volvo reflexionar: a economía é o todo pra acadar a felicidade? E tamén conclúo que, sabendo que ten un peso moi importante nas nosas vidas, non é totalmente determinante pra acadar tal obxectivo, pois ten que ser complementada coa saúde e outros bens que temos a cotío á man.

Agora que se achegan as datas do Nadal e que os alcaldes das cidades lánzanse en competencia pra ver quen pon máis luces e ornamentos e, deste xeito, animar ó consumo mediante a fantasía lumínica, sería bo matinar un chisco sobor deste feito e outear cara onde nos leva esta onda que a tantos enlouquece. Sei que en Occidente toda festa, relixiosa ou profana, ten un forte vincallo co tema económico. En Ourense temos exemplos importantes que o demostran; non hai celebración festiva na que, ó seu carón, non exista a vertente do comercio e, en resume, do consumo. Mais en ningunha desas festas o consumismo aflora tan forte como no Nadal. E partindo desta evidencia, ano tras ano, percíbese con máis claridade que nestas datas do solsticio de inverno perde peso o que se podería definir como unha reflexión sobor da forma de vida que temos nesta sociedade. Cando remata unha festa, axiña precisamos outra pra seguir consumindo, pois a roda non pode parar. E se para ate pode caer a economía e o mundo. Esta é a realidade. Consumir é a nosa única forma de vivir. 

Vivimos dentro desa globalización económica, e con ela chegan sempre novas formas de entender a vida, pero todas baixo a premisa do consumismo acrítico. Chegan frases e modelos de consumo que plaxiamos facéndoos nosos pois estamos todos un chisco ianquizados. 

En fin, está ben que se poñan luces; que animen a xente pra que teña ledicia. Mais eu sumaríalle a todo isto que, durante estas festas e outras que virán, tamén se pense con frialdade se somos máis felices consumindo acríticamente, ou facéndoo sen a mesura precisa. Na vida existen outros valores que van máis alá da troula pola troula e do valor dos cartos. Existe o valor da amizade, existe o valor da familia, existe tamén pensar nos menos favorecidos ou neses pequenos detalles que lle dan sentido á convicencia social e a vida comunitaria e colectiva; existen moitas cousas que van máis alá do valor puramente económico. 

Ter as rúas mortas carentes de ledicia como hoxe está Ourense é unha pena. Máis pasarse e competir por ver que a ten máis grande, perdón... quen pon máis luces, ate chegar ó disparate, non parece o axeitado. Hoxe son un par de cidades as que son noticia, e pro ano serán moitas máis e xa non serán portada nos medios. A iluminación do Nadal consumista non será novidade e seguro que falaremos doutra cousa.

Te puede interesar