Opinión

A liberdade de movemento

Ao confinamento que estamos a cumprir hai que buscarlle as cousas positivas que pode aportar. E como temos tempo pra ler, estirar as pernas na estática, ver a tele -na que o tema sempre é o mesmo-, arpexiar a guitarra e cantar, pois chega o de matinar e analizarmos algo do pasado, lembrando como era pra comparalo co presente. Xa sei que as comparacións son odiosas e ás veces pouco axeitadas, pero pregunto: que seríamos nós se non tiveramos pasado que nos servira de recordo e referencia pra ter unha orientación no presente? Pode que fóramos camiñantes perdidos nun mundo cheo de incertezas e problemas ós que non saberíamos darlle unha resposta axeitada.

No 1987, uns versos musicados polo meu irmán Anselmo dicían: “Xa chegan as agromadas/ e puxan as follas novas./ Xa escoitan alboradas/ no noso fermoso chan./ Xa cantan os paxariños,/ sempre tan ceibes e ledos,/ a carón dos bos galegos,/ dispostos a sementar...”

Esa cantiga deulle nome a que foi coral Agromadas que comezaba a súa andaina naquel ano. E tomo esta data como referente pra comparar o que foi un tempo no que tíñamos esperanzas dun futuro mellor. Estabamos na primeira década da democracia, e con moita menos tecnoloxía que hoxe albiscábamos o futuro con moita ilusión. Mirabamos a Europa como modelo ó que nos queríamos parecer. Saíramos da España en branco e negro e non había tantas incertezas no futuro como hoxe. Naqueles anos, o rural estaba moito máis traballado e lembro que, alomenos a vida que non era a urbana, era moi diferente a de hoxe. A Semana Santa no rural non era pra ir de viaxe. O Xoves Santo pola mañá había que traballar nas leiras. Era o tempo de sementar as patacas. Logo, pola tarde, a xente asistía ós oficios relixiosos. Os sábados polas mañás tamén se facían moitas labores nos terreos. O tempo vacacional pra o mundo rural estaba aínda moi lonxe, pois compartíase traballo na empresa co manter laborada a horta. Era o tempo da agricultura de complemento ou axuda na economía familiar. Con todo, naqueles anos, albiscábase un futuro cheo de oportunidades e de moita ledicia.

Buscando as comparacións cos tempos de hoxe, ó primeiro que salta á vista é que no mundo da periferia da cidade, e case en toda a provincia, a decadencia do sector primario visualizase por todos os lados. As hortas están todas a ermo; os eidos, a monte bravo onde campa o xabarín, e a provincia, en total decadencia. A sociedade con menos habitantes está moito máis envellecida e illada, amosando un futuro moi incerto polo despoboamento dos pobos. No mundo cultural, a década dos 80 foi un tempo de crecemento nos pobos e vilas. Neles nacían agrupacións e coros, hoxe case todos desaparecidos ou moi envellecidos. Onde antes había vida hoxe temos soedade e o silencio é o que máis se escoita.

Agora, trinta e pico anos despois, percibimos que moito mudaron as cousas na nosa sociedade. Algunhas para ben e outras non tanto. Melloramos nas comunicacións e na tecnoloxía. Mais as cousas son moi diferentes comparándoas cos anos referido ó comenzo. Ben sei que recluírse no pasado, pensando que sempre foi mellor, pode ser un erro. Mais ó comparar vense os cambios. Con todo, a primavera volve a brotar con forza, e chegan os gromos, pero nada é igual. Xa non se escoitan alboradas das que falan os versos, e por moito tempo tampouco se escoitarán. Trocou o mundo laboral, trocaron moito e máis que trocarán as relacións sociais a partires desta crise; hai moita incerteza no futuro, e a Europa coa que soñabamos non é tan solidaria como parecía. Vivimos nun mundo globalizado e un longo, etc. En fin, hoxe, presos nos fogares por mor dun virus, desexamos saír a ver o verdor dos campos, que aínda que están maiormente en ermo, son moi fermosos. A perda da liberdade de movemento para nós é como se nos quitaran algo vital. En fin, esperemos que este andazo pase axiña e que volvamos a normalidade canto antes. E mirar ó futuro con ledicia e esperanza, que boa falla fai.

Te puede interesar