Opinión

A morte do rural

Dende a chegada da industrialización, década dos sesenta, e logo despois da entrada na Unión Europea, o mundo rural galego desmorónase sen que ningunha institución faga algo salientabel pra porlle remedio. Temos terra e boas condicións pra potenciar e modernizar este agraciado medio. Mais a sangría poboacional segue ano tras ano e, a día de hoxe, asistimos a unha morte segura dunha forma de vivir en comunión coa nai terra.

Este mal atinxe con máis forza á Galicia interior que é Ourense e o sur da provincia de Lugo. Nos anos sesenta do século pasado foi a emigración a Centroeuropa o lastre que deixou unha ferida en moitos pobos e aldeas. Chegada a entrada na UE. Foron as políticas deseñadas dende Bruxelas as que afondaron nesta desfeita. E fronte a esas políticas ningunha das nosas institucións como a Xunta, deputacións e concellos fixo algún plan, área piloto ou zona onde se tentaran reverter os males que, como o minifundio parcelario, seguen vivos nesta sociedade. Sociedade de base agraria onde o xabarín campa como se fose o dono do espacio natural completo.

Lembro que, nos anos sesenta, os únicos incendios que nos preocupaban ós veciños do rural eran provocados polas chispas das máquinas de carbón daqueles lentos e ruidosos trens. Agora non é o tren se non os incendiarios e a devaluación do monte na que gastamos cartos pra apagar lumes sen ningunha rendabilidade económica. Agora, no tempo do aforro, cando todo se mide polo principio de rendabilidade económica, desaparecen servizos nas vilas: primeiro foron as sucursais bancarias, logo os postos da Garda Civil; agora seguen os servizos de sanidade e así a xente fuxe cara áreas onde pode vivir deixando lonxe a existencia en soidade.

O rural morre, e o conto é que ningunha institución fai nada por intentar frear tal sangría. Non so morren pobos e aldeas senón que vilas cabeceira de comarca son privadas de servizos básicos que axudan a que a xente non fuxa delas. E a pregunta está servida: como alguén vai querer vivir en concellos alonxados 30 ou 40 quilómetros do concello cabeceira de comarca se non teñen servizos básicos e teñen que vir a Ourense cando distan máis de 140 da capital?

O caso de Verín co peche do paritorio dá pra matinar con seriedade sobor do asunto. E pon sobor da mesa un tema do que sempre se escapou. E digo isto pois non chega con que a Deputación diga, pra quedar ben, que se opón a tal ou cal medida. Non. Hai que dar a batalla e facer propostas alternativas pra que o mundo rural non sexa finiquitado. Hoxe é Verín. Maña cecais o Barco de Valdeorras e logo será ate Ourense. 

Ben sei que o tema é complexo de arranxar, pero ás institucións políticas como a Xunta compételle crear as bases legais pra que a superficie agraria e o monte se poida rendabilizar económicamente. Para que o mundo rural galego do interior pare a sangría e non desapareza. E pra iso haberá que modificar a estrutura da propiedade; Igualmente haberá que impedir que as vilas cabezas de comarca perdan servizos básicos. E sobor de todo, ter iniciativas políticas. E se iso non se fai, o rural quedará finiquitado, morto pra sempre en moi poucos anos.

Te puede interesar