Opinión

A quen corresponda

Pasadas as datas de Nadal e xa metidos na costa de xaneiro, atrévome a lanzarlle unha misiva a quen lle corresponda cunha serie de asuntos que veñen de lonxe e que precisan unha solución. 

En primeiro termo, é necesario frear a extensión da pandemia. E se pode ser que desapareza das nosas vidas. Precisamos que a normalidade volva axiña. Urxe respirar sen ter que levar a faciana cuberta. Desexamos bicarnos e saudarnos sen dubidar a quen lle damos o saúdo e moitas cousas máis que conforman a nosa vida cotián. As relacións humanas sempre foron a base da nosa sociedade, e hoxe por mor do covid 19 están moi limitadas.

Como segundo desexo, precisamos que a política chegue a puntos de consenso nos grandes temas; pois mellor nos iría como Estado e tamén a nivel galego si se buscaran puntos de encontro e, nos asuntos de longo percorrido, houbera acordos concretos. 

A terceira petición lévame a plantexar que é preciso que a normalidade volva ó noso concello. Que esta Auria deixe de ser o faime rir de toda Galicia. E tamén que o sr. alcalde lembre o que dicía e prometía cando estaba na oposición. E é preciso que para eso faga memoria e, se quere pasar á historia desta cidade como unha persoa normal, deixe de ser un alcalde tarabelo (enténdase por tal á persoa que non é sería, que cambia de criterio a cada momento, que goberna a base de anuncios sen contido e que actúa sen ser consciente de que na alcaldía estase para servir ós cidadáns e non pra manterse no poder a calquera prezo). Por iso, é preciso e urxente que lembre cando pedía a dimisión ó anterior alcalde; que se acorde de cando menosprezaba ós concelleiros que lle levaban a contraria; que montaba espectáculos pintorescos nos plenos; que prometía o ouro e o mouro dicindo que arranxaría os problemas da cidade nun abrir e pechar de ollos. Ou que faría todo o posible pra que o sr. Baltar, ó que desprezaba con moita insistencia, deixara a presidencia da Deputación se del dependía. 

Hai uns días dixo publicamente: “... con lo que cuesta llegar a la alcaldía...” Esta frase denota que o seu obxectivo e a do resto do triunvirato, o que lles importa é manterse na alcaldía e os problemas dos cidadáns... que os parta un raio. Por iso pídolle a quen corresponda, se no quere ser cómplice deste disparate que amola a todos os ourensáns, que faga unha reflexión seria e dea un paso para poñer por diante dos interese partidarios os interese xerais da cidadanía. Sei que non é moito pedir, pois Ourense cidade non pode seguir soportando a vergoña de ser a urbe galega sumida nun desleixo e desgoberno total.

Ah, fáltame plantexar se alguén da un paso para liberarnos de vivir na prehistoria dixital. Porque en Seixalbo, sr. alcalde e demais corporativos, por mor dunha licencia que aprobou o Concello (licencia leonina que soamente pon trabas e máis trabas á empresa instaladora) estamos sen unha conexión a rede digna dos tempos nos que vivimos. Polo tanto, que alguén medie pra que se instale dunha vez por todas a fibra óptica no casco afectado polo PERI. A día de hoxe, nin chegamos a unha mega pra conectarnos á rede. E hai xente á que lle esixen teletraballar, cuestión que resulta unha misión imposible. En fin, espero que comenzando polos responsabeis a nivel de Estado e galego e seguindo polo alcalde, alguén teña un chisco de cordura e arranxe todo o antes sinalado.

Te puede interesar