Opinión

A xustiza, na picota

As verbas xustiza e picota sempre camiñaron xuntas, pois a xustiza, durante moitos anos, aplicábase nas picotas ou rollos, que eran lugares de castigo público nesta terra. Con todo, a día de hoxe, o significado de estar na picota é ben distinto o doutros tempos. Agora significa atoparse en entredito por mor das contrariedades e escándalos que un día tras doutro saen a luz. E iso é o que acontece no referido á independencia e calidade da xustiza que temos, ou que padecemos, segundo se mire. 

Varios son os casos que, dende hai un tempo, chaman a atención e que ben puideran ser referencias do que non debe entenderse por xustiza. Subliñarei uns cantos. O primeiro refírese ás contrariedades que existen entre os tribunais á hora de ditar sentenzas ou abrir e pechar procesos. E neste caso podería valer o referido ó máster do sr. Casado: o Tribunal Supremo arquiva o caso e outro considera que hai que depurar responsabilidades polo agasallo dos referidos másters. 

Outro caso que chama a atención é o referido ás verbas que, despois de rematar o xuízo, fixo un xuíz sobre o caso que acababa de celebrar. Asunto vergoñento que indica que, coa toga posta hai moita solemnidade, e logo, portas adentro, a xente que xulga fala igual que a que se atopa no bar ou na rúa. Iso si, co menosprezo ás persoas que logo ten que sentenciar. E todo isto acontece coa agravante do concepto que hai sobre a violencia contra as mulleres. 

O terceiro asunto esta referido ó barullo que algúns xuízes, neste caso xuíza, montan perseguindo a corrupción e que, despois de humillar e esmagar ás persoas detidas, pasan anos e anos, e cando presentan os cargos, todo queda en auga de borrallas, pois as febles acusacións non se sustentan nada máis que en indicios. Este é o caso da chamada operación Pokemon que, con tanto ruído mediatico, humillou e levou detido ó alcalde de Ourense e desfixo unha corporación hai máis de cinco anos. E despois dese tempo, os encausados seguen á espera dunha acusación definitiva e as consecuencias que delo se deriven ou o arquivo do caso.

Mais a xustiza e os que a poñen en marcha, a día de hoxe, son algo así como persoas intocables. Somentes serán correxidos e sancionados polos órganos propios nos que están outros xuíces, razón pola que o corporativismo vive agochado, en certa medida, dentro da propia institución xudicial. E iso permite que raramente se sancione a un xuíz e menos se inhabilite. Claro, salvado casos coñecidos que teñen un trasfondo político e de moita parcialidade. 
Pero a vida cotiá na rúa é moi diferente á visión que poden ter os señores togados. A vida real ten outra percepción, e a eficacia e o traballo ríxense por outros parámetros. Por iso, as preguntas son necesarias. Porei varios exemplos: se un técnico nunha empresa privada ten o encargo de facer un cometido e tarda moito tempo e sempre está poñendo excusas permanentes para rematalo, e cando presenta o traballo, todo o que barruntou se queda en auga de borrallas e non vale ren, quen o sanciona? Pois no mundo da empresa privada sería despedido. Isto é o que aconteceu co caso do alcalde de Lugo e pode acontecer con outros casos semellantes. E despois de tanto barullo, quen lle devolve o crédito ás persoas que foron machacadas e dunha maneira tan bárbara por mor de detencións á brava? Quen, señores togados? Moita autocrítica ten que facer a xustiza que temos. Moita, se quere fuxir de estar na picota.

Te puede interesar