Opinión

ADEUS 2020

Cando estamos ás portas de pechar o ano, chega o tempo do balance. E o 2020 tróuxonos poucas cousas positivas. Mais ben pasará á historia como o ano da pandemia que veu a amolarnos e a encher de incertezas a nosas vidas.

Primeiro trouxo un Goberno de coalición no Estado. Cousa novidosa pois sempre houbo gobernos monocolor, aínda que fose con apoios dos nacionalistas chamados periféricos. Esta situación semella que durará máis lexislaturas ca presente, e axudará a que nos afagamos a esta nova situación. E sobor de todo, a ter que compartir o poder. Xente de Podemos, grupo novo, con cero experiencia nesas lides, non deixa de sementar certa inquedanza, e hoxe aprende a gobernar e a decatarse de que unha cousa é prometer e outra xestionar realidades complexas, pois fáltalle moita madurez para estar onde están. 

Foi tamén o ano da irrupción da extrema dereita cunha forza importante que trouxo a aparición dunha linguaxe guerreira, insultante e acusadora; pouco humanitaria e chea de odio ó diferente. Linguaxe que lembra moitos dos males deste noso Estado. Veremos como evoluciona e se perde “fuelle” ou troca o seu discurso tramontano. Outro asunto importante é que tamén foi o ano da derrota do pintoresco presidente dos EEUU. O engreído e narcisista Trump non puido recuncar e iso é un trauma para quen sempre foi de gañador. 

Pero tamén foi o ano no que algúns mitos caeron e destronáronse a nivel popular. Este foi o caso do “emérito campechano”. As súas andanzas amosaron que a Real non é unha familia modelo. Os modelos están na xente sinxela, están na nosa veciñanza. Os demais son maioritariamente sepulcros branqueados, ou se o prefiren, escenificacións vacuas, pintorescas e teatrais. E, como os grandes medios deixaron de agochar as súas miserias, agora a súa figura, tantas veces gabada, está baixo mínimos e degradando a institución monárquica.

Dixen ó principio que este foi o ano no que, como sociedade moderna e avanzada, quedamos un tanto noqueados pola aparición do covid-19. E este feito sacou á luz as nosas debilidades, inxenuidades, contrariedades e tamén indisciplinas. Vivimos un tempo de inestabilidade e incerto, pois se pechar toda actividade reducía ós contaxios, pola contra, a economía con tal medida esnafrouse e caeu ó chan, asunto que teremos que pagar todos. O Goberno optou por defender a saúde primeiro, e quixo facelo sen desatender a economía, pois entendía que sen a primeira non pode funcionar a segunda. Mais non todos os países do mundo e mesmo gobernos autonómicos o viron así. E fin, que este ano 20, foi un tempo de malas novas a nivel mundial. Cecais a máis positivas foi a caída de Donald Trump e a chegada das vacinas, que abren un camiño de luz para o futuro.

Polo demais nesta España chea de contrariedades, falla de consensos e chea de posicionamentos antagónicos, péchase un ano pra esquecer, Asi que ollemos o futuro con esperanza e camiñemos que non queda outra. Bo Nadal!

Te puede interesar