Opinión

Amores e desamores


Nesta sociedade sinalada polo filosofo Zygmunt Bauman como “líquida” e, actualmente, por bastantes pensadores, como “gaseosa” todo o que hoxe está de moda mañá xa é vello e queda esquecido. Todo o que hoxe parece que ten unha base rexa e estable, mañá xa está cuestionado e comenza a dúbida sobor do seu valor e utilidade. E como todo camiña a unha velocidade moi esaxerada, pois nada máis aparecer unha nova, neste caso en forma de cantiga ou outra novidade que se refira a vida íntima dun ou de varios persoeiros, axiña se fai viral e rola polo mundo como se fora algo moi importante. Pola contra, as execucións sumarísimas de cidadáns no Irán, a falla de liberdade e os encarcelamentos en Rusia, por non estar a favor da guerra de Ucraína e outras cousas graves que acontecen no planeta pouco importan e xa non son noticia de primeira. 

As cantigas sobor do amor e o desamor sempre as houbo. E os ditos e letras referidas a este tema tamén. A pouco que rebusquemos na historia medieval, e mesmo na presente ou nos refraneiros e cantigueiros populares, topamos con textos que reflicten o desleixo, o desamor e o despeito. Para mostra un dito do cancioneiro de Ramón Cabanillas: “Tres mil demos te leven, e outros tres carguen contigo, si tiñas amor con outra, pra que falaches conmigo”.

A día de hoxe, os asuntos da xente que vive no mundo da farándula teñen moita resonancia social e maiormente están reservados para a prensa chamada rosa, mais hai algúns que a transcenden e que son fenómenos mediáticos mundiais. O caso máis recente refírese a cantante Shakira e un deportista catalán; ela, empregando un texto banal referido á súa relación sentimental, sinala a persoas e a marcas comerciais, acadando millóns de visitas nas redes. Este fenómeno, que lle reportará importantes beneficios económicos a ela, e por publicidade o seu ex, ven a certificar que na vida diaria unha parte moi importante da sociedade precisa novas que, aínda que sexan asuntos menores e particulares, sirvan para entreter a millóns, pois semella que alivian a rutina diaria e as tensións dos problemas que hai a cotío. Mais o caso desta cantiga, que ten un texto moi acorde coa música que hoxe se consume, amosa ó meu modo de entender a gran diferencia cos textos que tamén falaban de amores e desamores noutras etapas históricas. E ven demostrar que a sociedade necesita morbo, e que non entra a valorar nin a comparar se o que se di nela racha coas normas éticas vixentes. Ó fío do asunto caben preguntas: Poñer en solfa a vida íntima faise por un obxectivo económico, ou soamente por despeito? Tendo fillos en común é ético sacar a luz os problemas da parella? Que dirán os fillos cando entendan o que nela se di? 

En fin, todo o mundo sabe que hai artistas de moita calidade que trufaron e acumularon grandes éxitos, mais nunca permitiron que a súa vida familiar -e menos a íntima- saíra á luz. 

Dixen ó comenzo que vivimos nunha sociedade denominada “líquida” e que tal afirmación, entre outras moitas cousas, está fundamentada no consumismo acrítico e na lixeireza interpretativa da ética e da moral. A mentada cantiga, que é moi comercial, non deixa de ser de un produto de consumo que, pasado un tempo, será esquecido, como tantas outras pezas musicais e bens que foron moda pasaxeira e remataron no caixón do esquecemento.

Te puede interesar