Opinión

Animais e seres humanos

Con moita frecuencia escoitamos conversas nas que algún dos contertulios di que non está disposto a relacionarse sentimentalmente con outra persoa se ela non acepta convivir cos animais de compañía que ten no fogar. Quérelle tanto as súas mascotas que trátaas como se fosen fillos. O asunto non ten moita importancia, pois a frase de que o can é o animal máis fidel ó home ten certo sentido. E se o tema so se queda niso, ate pode ser aceptado como algo normal.
Con todo, o asunto empeza a tomar outra dimensión cando escoitas a persoas que din que queren mellor ter un can que ter un fillo. Co que, despois de dixerir tal frase, dase un conta de que o asunto empeza a ser un chisco complicado e esbaradizo. E digo isto pois hai comparacións que son certamente odiosas. Comparacións que, ou ben agochan pensamentos que non se queren sacar á luz, ou que sinxelamente a comodidade de vivir sen compromiso e suxeito exclusivamente ó egoísmo persoal baseado na comodidade individual é o camiño escollido. Evidentemente, nunha sociedade libre como a nosa, a opción que cada quen toma é unha decisión moi persoal e hai que respetala.

Pero o asunto empeza a tomar outros derroteiros cando, para argumentar posturas individuais ou de grupo, dinse cousas como que os animais son tamén... seres humanos. Sentir respecto polos animais, arredando o maltrato dos seres vivos, é importante e débese manter. Mais pasar a fronteira e levalos a categoría de seres humanos é camiñar pola vida un tanto errados. Por moito que queiramos ós animais, debemos lembrar que os humanos temos unhas capacidades que eles non teñen. Por dar algunhas delas direi que as persoas temos a capacidade de modificar as cousas; temos a capacidade de pensar e racionalizar, analizar e criticar aquelo que pecibimos; temos a capacidade de crear e manipular ferramentas e un longo etc. que non é preciso sinalar.

Hai uns días unha coñecida deportista, nunha farragosa e pouco aquelada declaración, dixo que os animais son seres humanos. Logo rectificou, mais esa afirmación agocha o que hoxe moitas persoas pensan e din. Claro, uns sóltano por puro egoísmo persoal, outros porque están sometidos a un sensibilización moi grande e outros para argumentar incluso asuntos políticos. Con todo, e mantendo que o ser humano non debe maltratar nin matar animais por deporte ou puro divertimento, chegar a darlle os animais a categoría de seres humanos paréceme un auténtico disparate. Aínda que o comportamento dos humanos moitas veces sexa irracional e moi destrutivo coa natureza, e mesmo coa sociedade onde habita.

En fin, que por moita dialéctica argumental que se queira, os animais son seres vivos, pero non humanos. E todo o que logo se queira engadir nesa liña está fóra da realidade.

Te puede interesar