Opinión

Ano novo, vida vella

Un dito popular di “ano novo, vida nova”, mais como soamente é un dito nunca se cumpre. Ano novo si, pero os problemas, atrancos e retos non mudan por pasar do 31 de decembro ó 1 de xaneiro.

Mais como ainda estamos en días de ilusións que logo se esvaen, hai que manterse nese mundo ficticio das luces que polas noites enchen de fantasía as rúas das vilas e cidades onde moramos. Luces de mil cores que animan á diversión e a engaiolarnos por unhas horas, aínda que todos sabemos que ó día seguinte, pola mañá, coa luz do día, todo seguirá como estaba ó comenzo das festas e teremos os mesmos atrancos que arranxar que antes do Nadal.

A vida continúa coa súa rutina que o invade todo. E os problemas da nosa sociedade son os mesmos e hai que facerlles fronte. Mais, como aínda non pasaron os Reis, por se valera de algo fareilles algunhas peticións, emulando ó que fan os máis cativos. Claro, coa diferencia de que as cartas coas peticións dos nenos e nenas maiormente cúmprense e a dos maiores, non. Ben sei que podes pedir a lúa e quedar tan ancho, o caso é que cha dean. Mais como se di, por pedir que non quede.

Eu quixera pedir como primeiro desexo que o comercio da guerra deixe de funcionar e o que acontece en Ucraina e noutros lugares do planeta pare dunha maneira definitiva. A guerra soamente trae destrución humana e física. O sátrapa Putin ten que entender que non se pode invadir un país soberano e pasar por riba das leis internacionais.

O segundo é que todos temos que aportar o noso grao de area para salvar o medio natural deste planeta. As desfeitas naturais comezan a ser un fito á orde do día e o asunto ten unha forte relación co cambio climático.

O terceiro é que a violencia en xeral, e sobor de todo contra as mulleres, ten que parar. O machismo implica dominación dun ser sobre outro, feito que arrepía no mundo noso, pero que existe e non se lle dá posto fin.

A cuarta petición, entrando na vida política do noso Estado, é que a violencia verbal, o insulto e o recoñecemento dos resultados electorais deben ser aceptados por unha oposición negacionista que se sinte dona do poder e que non tolera a alternancia política no mesmo.

Podería seguir pedindo moitas máis cousas, pero a lista sería moi longa. Mirando ó que temos preto de nós direi que na nosa cidade compre un serio cambio de rumbo. Cómpre que a dignidade volva á casa consistorial polo ben de todos os ourensáns. Cómpre que o despilfarro dos cartos públicos e a ausencia de solución ós graves problemas da cidade remate. É tan evidente e triste o que acontece que a calquera persoa cun chisco de xuizo crítico cáelle a vara de vergoña ó ver o que pasa nesa institución pública. E, de seguir así, estase condenando á decadencia absoluta a Ourense como terceira cidade de Galicia.

En fin, dicen que ano novo é tanto como comenzar unha vida nova, mais eu percibo que é seguir coa vida vella. Ó apargase as luces vemos a mesma realidade que antes de encendelas. Mais, seguindo a tradición, sempre esperamos algunha cousa boa no tempo que comenza. E sempre esperamos que os Reis, chamados Magos, fagan unha milagre e, polo menos, nos traian saúde e paz no mundo.

Te puede interesar