Opinión

Apuntes culturais

Repartir os libros que se agochaban na concellería non é mala idea, aínda que haxa que conservar sempre un fondo. Mellor é que alguén os lea e refolle, a que sigan esquecidos nunha caixa eternamente. Mais o feito cultural para que teña calado na sociedade vai moito máis alá destas accións puntuais que fan os que nunca entenderon a razón de manter e menos defender a nosa cultura e o idioma de Rosalía. 

Este ano, polos motivos sobradamente coñecidos, o Día das Letras pasou con máis pena que gloria. A romaría de Raigame non se puido facer e milleiros de actos quedaron suspendidos. E, como consecuencia, son moitos os que reclaman que a figura de Carbalho Calero se manteña para o ano 21, dado que a dimensión do persoeiro e as súas propostas ben merecen un estudo serio, fora do apaixonamento e o radicalismo que pola tendencia reintegracionista puidera ter. 

Con todo, a vida cultural, alomenos en Ourense cidade, vai a menos ano tras ano. O concepto de cultura dos gobernantes locais non supera o dunha axencia de contratación de espectáculos que esquece a animación, divulgación e creación de infraestutura cultural en todo o ámeto do concello. 

Supoño que moitos ourensás lembran que, anos atrás, en Ourense había un bo fato de entidades culturais incluíndo grupos corais que animaban as zonas onde non chegaban nin chegan as actividades do Concello. Vivimos un mal momento para a cultura local, para a galega e todo o que se deriva delas. E a cidade vai perdendo referentes. Os poucos grupos que traballan tentan sobrevivir como poden. Traballan por amor a arte. Esto é o que acontece nas poucas asociacións culturais e veciñais que tentan cubrir a ausencia do Concello nos barrios e zonas rurais, onde non chega nin o pretende a mencionada Concellería de Cultura.

Non hai moito tempo tiven unha xuntanza cunha autoridade local deste ámeto e cheguei á conclusión de que a conversa era un diálogo de xordos; non hai nin iniciativas, nin gañas de escoitar. Todo se mide pensando na rendabilidade electoral e quen queira cultura que a pague. Ou sexa: festas, troula e as entidades culturais de base que as parta un raio. 

Nos últimos tempos estase a mesturar o termo cultura co de festa, cando son dúas facetas que deben existir, mais ben distintas, pois teñen obxectivos moi diferentes: a festa é diversión e a cultura ten o obxectivo de engrandecer o coñecemento e o saber das persoas. As actividades de referencia, e que tiñan un peso e un caché que ía máis alá das fronteiras ourensás e galegas, déixanse fuxir por non subvencionalas. E son outros concellos, máis pequenos que o das Burgas, os que axudan pra que non desaparezan. Non hai política cultural, e parece que tampouco se é receptivo pra escoitar e modificar o camiño. Lembran vostedes o da Banda de Música que se ía facer cos alumnos do Conservatorio? Pois o Concello pídelle unha proposta o Conservatorio, cando quen está sen banda é el, e é quen ten que facer a proposta. Ourense é sitio distinto. Pouco hai, e a nada se aspira. En fin, por aquelo de non perder a ilusión, espero que nalgún momento troquen as tornas e se tome como referencia a concellos onde se mima e potencia a infraestrutura cultural para logo rendabilizala en ben da cidadanía. Pois enténdese que a cultura é un ben preciso para encher a vida do ser humano. 

Repartir libros na rúa é unha actividade puntual, mais eso non é nada mais ca un acto populista pra quedar ben. 

Te puede interesar