Opinión

As idas e voltas na política

Do mesmo xeito que aconteceu co proselitismo e denuncia atosigante que ate hai uns meses facía unha televisión local nesta nosa Auria, agora acontece algo semellante coas reivindicacións do Goberno de Nuñez Feijóo ó Executivo de Pedro Sánchez. 

Supoño que moitos ourensás lembran cando, quen hoxe é o noso alcalde, andaba facendo entrevistas e denunciando os buracos que había nas beirarúas da cidade e no rural do concello. Pois resulta que dende que pisou moqueta e senta na cadeira de rexidor, esas visitas e as correpondentes denuncias pasaron ó esquecemento, mais as eivas denunciadas seguen esperando solucións. Pois ben, algo semellante acontece en San Caetano, onde antes da moción que cambiou o goberno na capital do reino, non existían reivindicacións cara o executivo do sr. Rajoy. Todo era un calar de complicidade que, de súpeto, mudou ó cambiar ó, chamado por eles, okupa da Moncloa. Si, daquelas por non pedir, nin esixían que se cumpriran os acordos aprobados por unanimidade no Parlamento galego e que reivindicaban importantes cuestións. Eran asuntos que non tiñan presa. Mais as cousas trocaron e agora que temos un goberno cheo de comunistas e roxos, o presidente e os conselleiros, silenciosos noutro momento, saen á palestra reivindicando e denunciando o que antes calaban ou agochaban.

Esas reivindicacións tan vistosas chocan con feitos que indican que todo é un postureo cheo de falacias e moito teatro. Que o do AVE non chegará no presente ano xa o ten asumido todo o mundo. Que a estación intermodal será de terceira clase, pois tamén. E así poderíamos seguir enumerando cuestións importantes que afectan a Galicia e, en particular, a Ourense. Cuestións que uns e outros prometeron e dixeron que serían obras que marcarían un tempo, pois pasarían á historia como algo moi salientabel. 

Non hai moitos meses a “esperanza branca”, que é como se definiu o noso rexidor local, falaba de que Ourense estaba discriminado diante a Xunta. Pois ben, agora que fixo grandes amigos co pacto da vergoña, tamén o silencio volve ser unha realidade. Isa realidade lévanos a ver as idas e voltas que da a política; lévanos a aturar os discursos, promesas e verborreas que un día din unha cousa e logo fan outra. O máis recente, o asunto de Verín e o seu hospital. Primeiro foron razóns técnicas e económicas pra cortar o servizo. Agora a presión veciñal fixo revertir a cuestión. Claro que non hai que fiarse, pois estamos en ano electoral e xa veremos se a posta en marcha deste paridorio soamente é unha cuestión ate que pasen as eleccións á Xunta.

Pero o máis triste de to isto é que a política, sobor de todo en Ourense, chegou a tal grao de desprestixio que é preciso que a sociedade ourensá reaccione. E que o faga xa. Por moito que se diga e anuncien os que mandan, Ourense camiña cara a nada; camiña cara un esmorecemento que semella ser aceptado cunha resignación que arrepía. E afirmo isto con toda contundencia, pois o problema de Ourense vai moito máis ala dunhas piscinas que aspiran a converterse en parque acuático no complexo de Monterrei; vai moito máis alá dunha escaleiras mecánicas ou de modificar o pendello que vai ser a estación de chegada do AVE. O problema de Ourense, cidade e provincia, xa é un asunto de actitude e aspiración cidadán. Si, de cidadáns que queiran fuxir dese conformismo enfermizo que obriga ós nosos fillos e netos a emigrar fora desta terra. A vila de Verín deu exemplo. E se non somos capaces de seguilo, Ourense será un ermo poboacional sen futuro, e a cidade perderá o posto de ser a terceira urbe galega. 

Diante tantas idas e voltas que dan os que nos gobernan; diante tanto postureo, e tantas contradicións como teñen, é preciso rebelarse e deixar o conformismo enfermizo que como sociedade nos afoga. En fin: fagámonos valer.

Te puede interesar