Opinión

As utopías e a realidade

Na esquerda política, a disputa dialéctica entre os que ven na utopía ideolóxica a única meta e tentan facer unha sociedade plenamente igualitaria e rexida dende un estado que o controla todo, e os que defenden a chamada socialdemocracia, ou sexa a intervención limitada do estado, existe unha confrontación que supera o persoal e que cada día está máis viva. Isto pode intuírse das frases dalgúns lideres que pensan que, sendo necesarios para facer unha maioría parlamentaria, non son determinantes para tela completa. E desa arrogancia que moitas veces leva tras de si unha suposta superioridade ética e incluso moral, nace o primeiro enfrontamento que impide acadar un acordo de goberno. 

Somos necesarios para facer unha política de esquerdas, din os utópicos; sen nós non hai garantía de que haberá políticas sociais progresistas, etc. Isto, que escoitamos tantas veces, lévanos a plantexar un dilema que na política está plenamente vixente: gobernar para acadar a utopía ideolóxica ou, pola contra, optar polo posibilismo e o pragmatismo para ir acadando metas sociais de progreso. 

Este dilema sigue vixente sobor de todo nas formacións políticas que priorizan a utopía e prefiren -casos temos en Galicia para un bo exemplo- vivir sempre predicando a mesma letanía pero sen aspirar a gobernar. Moitos son os que baixo a utópica causa confórmanse con seren sempre oposición e viven enrocados pensando nesa meta que nunca chega. E así négase a posibilidade de facer candidaturas amplas cuns principios comúns que beneficien ó conxunto da sociedade. Nós temos máis votos ca vos e xa somos felices. Nós somos os únicos que defendemos esta terra, etc. 

Todo isto lévanos cara o enfrontamento teórico entre a teoría e a práctica política. Pois na teoría todo funciona, todo camiña e nada falla. Mais ó chegar á realidade as cousas trocan de maneira alarmante. Exemplos hai dabondo en América Latina, onde o caso máis palmario estaría en Cuba ou Venezuela. Na teoría todo funciona ben, pero a realidade deses gobernos é ben distinta. Pois soamente se administran a miseria e as corruptelas son dunha inmensidade que arrepía. Pero todo está oculto polo férreo control da prensa.

A utopía sempre foi necesaria como referente lonxano. Pero, sin que limite a capacidade de baixar a pé de rúa e escoitar á xente que non vive da utopía e pide pragmatismo e mesmo poñer en practica certo eclecticismo para chegar a acordos que permitan o progreso nunha sociedade plural e diversa. A homoxeneización ideolóxica, o pensamento único, soamente leva cara un despotismo pouco ilustrado e cara una ditadura. E hai moitos que aínda soñan con tal forma de goberno por un lado e polo outro.

En fin, as utopías na política son como pracebos. Son necesarias como referente, pero coa dosis moi controladas. Pois toda cerrazón ideolóxica conduce a ver soamente por un buraco e non permite analizar nin percibir as necesidades do conxunto. Polo tanto, despois do 10-N é preciso que os políticos baixen a realidade e apliquen o pragmatismo para chegar a acordos. Pois a xente, que somos o común dos mortais, non vivimos soamente de utopías.

Te puede interesar