Opinión

As asociacións culturais e a crise

Os tempos mudan e a forma de ver e actuar na vida reflíctese en cada momento de forma diferente. Nos anos sesenta do século pasado, o mundo asociativo, tomando como referencia as asociacións culturais e recreativas que había na cidade, vivían o seu mellor momento. En Ourense, sociedades como a Troya, o Orfeón, o Liceo e, a partires de maza de 1969, o Ateneo gozaban de boa saúde pois había moitos socios e, a pesares dos diferentes obxectivos de cada entidade, eran o centro e punto de encontro habitual de moitos ourensáns. As asociacións do momento eran as dinamizadoras da vida cultural da cidade, contando tamén coa colaboración de entidades públicas. Pero pódese dicir que para case todos os actos e festas, conferencias, concursos, etc. que había na urbe sempre se contaba con estes entes pois eran un referente no seu ameto de acción.

A sociedade foi mudando tanto nos medios técnicos de comunicación como nas formas de relacionarse. O concepto de cultura tamén mudou, pasando a ser máis amplo, incluíndo nel certo tipo de festas e tamén a maneira de divertirse, cuestión moi discutible. E así, paso a paso, aquela base cultural que había na cidade que semellaba ser un tanto elitista, pero que que lle daba á Auria un pouso de personalidade, foi quedando cinguida a un espazo máis reducido ou perdéndose no recordo. Estas entidades, ó apareceren outras formas de relacionarse e pasar o tempo, entraron en crise para quedaren nun plano moi secundario resistindo no tempo. Rachouse así cun vincallo e un orgullo de ter unha cidade cunha cultura de seu, para perdernos na xeneralidade e da vida cultural xenérica e pouco salientable.

Entendo que os momentos sociais, por moitas cuestións, son distintos: mais non entendo que, paso a paso, se deixe caer a vida cultural estable desta nosa Auria, pois estes entes traballan durante todo o ano e manteñen actividades permanentes que unen ós cidadáns e as xeracións do pasado coas do presente; que son o lugar para o debate de ideas, e o cerne onde nacen proxectos e colectivos tan necesarios para unha sociedade que cada día é máis individualista e pensa menos no común, no colectivo.

Ben sei que nas chamadas concellerías de cultura os titulares parece que andan máis preocupados pola imaxe e os espectáculos multitudinarios que por manter unha rede de asociacións culturais que lle dean vida permanente ós barrios da urbe. Que lle imos facer.

Nestes días, o Ateneo pasa por tempos delicados e é triste escoitar, como din algúns políticos, que esta institución é unha entidade particular e ten que buscarse a vida pola súa propia conta. Verborrea de quen ignora o traballo social e altruísta en favor da colectividade. En fin, esperemos que esta asociación cultural non desapareza e dela so quede o recordo. É desexable que a sensibilidade pola cultura dunha cidade se impoña e o Ateneo poida ter unha sé onde seguir sendo un punto de encontro e debate. Neste senso os poderes públicos, empezando polo Concello e a Xunta, deben tomar decisións e facilitarlle a esta entidade un local como se lle fixo a outros colectivos de cidadáns, e desa maneira, o Ateneo será un facho de luz e de encontro aberto para todos os ourensás.

Te puede interesar