Opinión

Benvido ó circo

Opinión

Benvido ó circo

Desta maneira saudaron os populares ó concelleiro que substituiu ó reponsabel de Cultura no pleno da semana pasada. O asunto é que a frase non ten desperdicio, pois sinala claramente que, a día de hoxe, o que acontece na corporación local ten unha grande semellanza a dun espectáculo circense un tanto chocalleiro que nos leva a visualizar unha representación do esperpento valleinclanesco. Con todo, o máis tristeiro desta cuestión é que quen dixo esta frase pertenceu ó grupo de goberno e, polo tanto, ó partido que pactou hai un ano e pico con Jácome. E, a día de hoxe, por vontade dos cidadáns, é o grupo que ten nas súas mans desbancar ó alcalde da poltrona municipal.

Os ourensáns vivimos dende hai un tempo un desacougo e un desprestixio da vida política do Concello. A día de hoxe hai grupos que, por mor de non perder parte do poder, prefiren que o circo se manteña no tempo, aínda que sexa a custo do debilitamento da institución e da inexistencia de goberno. O triunvirato que se atrincherou no poder soamente pensa no seu salario e vive aferrado á poltrona camiñando con respiración asistida. Hai que porlle solución a un grave problema presentando unha moción de censura coa suma dos votos da forza máis votada. Por eso, mentres os populares non asinen co grupo maioritario a moción que poña na alcaldía á lista máis votada, seguiremos tendo circo ou comedia cos tres divos desafinando e enlamando o nome da cidade. Ben é verdade que parece que as conversas comezaron e hai que esperar pra ver en que rematan.

Ourense cidade e provincia camiñan neste mundo cara a desertización en todos os parámetros sociais. Na política, a ética xa finou hai moito tempo. Cidade e provincia camiñan cara o desprestixio institucional e ninguén se dá por enterado. Todas as forzas vivas amósanse pasivas e viven no eterno silencio, como se non existira o problema. Ou sexa: nin están nin se lles espera. 

Benvido ó circo, señor concelleiro. Benvido a ise espectáculo bufo onde xa non queda vergoña e os artistas soamente pensan en salvar o seu pelexo. E mentres, todos os ourensáns, diante este espectáculo, non pasamos da crítica na casa ou nalgún bar, e escoitamos esas voces rancias que din: todos che son iguais, tratando de calmar o cabreo. Mais caendo na rateira de mesturar e enmerdar todo, cando sabemos que a culpa de ter que aturar esta situación é soamente dos populares, e por extensión da inxenuidade de moitos votantes. De pena.