Opinión

Camiñando na incerteza

A verdade é que o asunto da política anda moi revolto a todos os niveis. Os novos xefes dos partidos, ás veces, parecen rapaces que so aspiran a chegar ó poder a costa do que sexa. Uns queren gobernar sen proxecto nin programa coñecido e confórmanse con sentarse na poltrona para dirixir algo, aínda que saiban que os seus votos non chegan pra tal obxectivo. Outros, ainda que sabedores do pouco apoio, queren facer valer o seu programa total e promoven consultas á militancia pra evadiren responsabilidades. Pero os seus votos tampouco chegan pra esa maioría que se precisa. E os terceiros, presentándose como renovadores da vida política agochan a faciana e non lle fan ascos ós votos dos que falan de reconquista e de volver ás formas e modos do pasado franquista. Con todo, o certo é que uns e outros fannos camiñar entre a incerteza e o desacougo, culpándose mutuamente do desacordo. Non sabemos como rematará o asunto, aínda que cada día que pasa albíscanse outras eleccións como saída da “melé”. 

O espectáculo negativo que se esta a dar nalgunha comunidade autónoma cos pactos a dous pero que precisan os votos dun terceiro, crea na sociedade unha imaxe negativa da política e desacredita as institucións democráticas. O matrimonio ou acordo, medio segredo, entre dous, pero que precisa os votos dos ultras, ven ser algo semellante a ter unha querida agochada e manter cara fóra unha imaxe distinta do que realmente se é. “Nós non pactamos cos neofranquistas; nós somos liberais”, din. 

A ética e a coherencia na política perdeuse e, alomenos neste tempo que nos tocou vivir, ninguén da un peso por ela. Atopámonos nunhas datas nas que ninguén se avergoña de dicir que, pra conquerir tal ou cal obxectivo, pacta co demo. Iso foi o que dixo o noso alcalde. Estamos, polo tanto, no tempo onde hoxe digoche que es un inepto, un cacique e un corrupto e maña somos como uña e carne. Cousas veredes. Estamos no tempo do maquiavelismo sen complexos. O fin xustifica os medios. E está ben non ter complexos pero, onde quedou a ética e a palabra dada?

Ben sei que na acción política o pacto é necesario. Mais tamén sei que hai certas liñas roxas que non deben pasarse. Pero as cousas son como son e non como as pintan ou quixeramos que foran. Hai uns anos unha voz tenebrosa saía por unha tele local tendo de fondo a casa do noso concello. E dicia: “En esta casa te están robando...” E aquil mensaxe calou nun sector da poboación e chegou o que chegou: non son de dereitas nin de esquerdas din. E agora temos o descrédito institucional á vista. Sementar discordia sempre foi moi sinxelo. Mais devolverlle as institucións o creto e traballar polo común é moito máis complexo.

Hoxe atravesamos un tempo no que os principios pasaron a ser un ornamento que non vale ren. Unha falacia que se emprega cando convén. E cando non, agóchanse como se fose unha vergoña. Inxenuos fomos os que pensamos que ó chegar a democracia iamos ser máis cultos, ter máis principios e practicar a ética na nosa vida e por extensión na política. Esperemos que axiña pase este andazo, e os nosos gobernantes deixen de actuar como rapaces xogando cos nosos votos.

Te puede interesar