Opinión

Cando a cultura é soamente festa

Opinión

Cando a cultura é soamente festa

Xa sei que, cando se fala de cultura, aparecen moitas e diverxentes interpretacións. Tamén sei que no saco poden meterse moitos e moi diversos asuntos. Mais cando a cultura soamente camiña cara o que se entende por divertimento e festa, deixando de lado a visión crítica e reflexiva dos temas que humanizan e melloran o noso coñecemento, entramos so no mundo do espectáculo sen outra pretensións que non sexan as lúdicas. E o obxectivo principal da cultura esváese e pasa a ser algo intranscendente e mesmo pouco edificante. E esa é a visión de cultura que impera nalgúns concellos. Mellor, nas concellerías de contratación de espectáculos que é no que realmente se convertiron estás entidades administrativas.

Recentemente o alcalde desta cidade anunciou en Fitur que en Ourense íamos ter “a noite de máis medo de Galicia”. Primeiro foi a Santa Compaña e agora trócanlle o nome. Este invento de xogar coa morte e o medo, aínda que poida ter algún interese, que o dudo, amosa que a vida cultural ourensá pasa por momentos moi baixos. As autoridades que nos gobernan parece que descoñecen o pasado cultural desta vella Auria onde houbo unha vida neste eido rica que deixou unha pegada moi positiva.

E partindo de que iso é unha certeza, parece que entramos a saco no que se entende por cultura de masas sen raigame co pasado. E seguindo ise camiño, e esquecendo as carencias e apoio a pequena infraestrutura cultural que aniña nos barrios e na periferias do concello, camiña a vida cultural ourensá. So se traballa para un tipo de cultura, un modelo estandar que nos borra do mapa e que carece de enganche co que foi Ourense no pasado. 

Está claro que o concepto de cultura polo que opta hoxe quen goberna é moi distinto ao que teñen as asociacións que traballan e fan actividades nos distintos lugares do Concello. Aínda que son esquecidas e ignoradas por ise departamento que se chama pomposamente de cultura, seguen como poden aguantando este andazo, pois perseguen obxectivos distintos ós oficiais. 

Lembro que, despois das primeiras corporacións democráticas, anos 80 do século pasado, moitos cidadáns puxaron para que nos concellos houbera unha concellería que levara tal nome e se superará o concepto de que a cultura é algo máis que organizar festexos. Por iso era necesario crear infraestrutura asociativa e cultual pois a institución municipal non chega nin pretende chegar a todas partes do territorio.

E agora co paso dos anos, e salvando uns poucos concelleiros que gobernaron seguindo ise obxectivo, as cousas e conceptos non trocaron e camiñan cara peor. Camiñan cara aquelo que non ten raigame na sociedade e que se asemella ó chocalleiro e carente de peso. Posibelmente, se as nosas autoridades mirarán cara outros concellos galegos máis pequenos e viran como se miman e apoian ás entidades culturais, seguro que tentarían facer algo semellante en Ourense. Máis esta cidade é sitio distinto e así nos vai. Pois eiquí desfaise o pouco que había con certo rango e calidade. Soio un par de exemplos: a Banda de Música que desapareceu polo atosigamento de quen agora é alcalde, e agora conformase cunha charanga ou algo semellante de prestado para os actos oficiais. E o festival de música Pórtico do Paraíso, agora potenciado dende outras provincias, son feitos positivos que houbo na cidade e que lle daban prestixio en toda Galicia. 

Como dixen ó comenzo, o termo de cultura é moi amplo e as veces camiña soamente cara o que se entende como divertimento e festa. Mais, pra trocar ise concepto, primeiro hai que coñecer o pasado e saber algo máis desta cidade. Logo, tentar melloralo. E presinto que hai moi pouco coñecemento do que foi o pasado desta cidade e o concello, e por iso camíñase dando paus de cego. Facendo ocurrencias sen ton nen son. E desta maneira sae perdendo a cultura e con elo todos os cidadáns. É así non imos a ningures.