Opinión

Cando perder non é derrota

A análise dos resultados electorais no mundo do nacionalismo galego, segundo os seus dirixentes, no precisa de autocrítica. Os resultados foron bos, e aínda que non hai representación, mellorouse a porcentaxe de votos, polo que nas vindeiras eleccións chegaremos a ter algún deputado. Con todo, é posibel que ate que pasen as municipais, os seus dirixentes non se decaten da gravidade de non termos representación nas Cortes Xerais.

A Galicia que quere redimirse e xogar con certo peso na política española volveu quedar na irrelevancia e nin estamos nin se nos espera. Os tempos da chamada Galeusca non volverán repetirse. Mais cando hai forzas que ameazan a nosa autonomía, nós seguimos sen reacción e seguimos falando de utopías para calmar o noso ego. E ate parece que culpamos á xente por non nos votar. Vivimos dentro da nosa pobre endogamia que tamén se pode chamar minifundismo partidario. Discutimos e teimamos uns contra os outros e, a medida que pasa o tempo, perdemos peso onde se deciden os grandes asuntos. Mais os dirixentes seguen a falar de que melloramos.

Nestes últimos tempos, Galicia perdeu espazos de identidade empresarial, peso na economía do Estado e a esta terra veñen pescar ate os que falan de limitar, cando non liquidar, a escasa autonomía que temos. Pola contra, os que deberan ser uns dirixentes pensadores e racionais seguen a falar de que melloramos e debuxan as derrotas como se fosen vitorias.

Anos atrás houbo unha ferramenta política que empezaba a ter utilidade, mais viñeron os apóstolos da pureza de sangue a limpala pra que non se contaminara. E voltamos ó punto de partida, ou sexa: retrocedemos. Pero non perdemos, senon que melloramos. O mundo ó revés. E mentres o pais cae a cachos, nós cantamos cantigas e lanzamos berros: “Galiza Ceibe”, “poder popular” e outros. E non nos decatamos de que en Galiza case sempre gobernaron os populares. Ese si que é o poder popular. 

Con todo, a xente canta, traballa, sofre e baila e nós seguimos sen sermos capaces de ofrecerlle unha proposta política unitaria que fuxa das utopías, dos comités centrais, dos cantos da Internacional, e de proclamas valeiras como a do dereito a decidir. E non somos racionais para centrarnos no que precisamos de maneira urxente. Ampliar o autogoberno que temos. 

En fin, cando se proclama que perder non é derrota, ven ser tanto como vivir dentro dunha xanela pechada á realidade e o sentir de milleiros de galegos. Cidadáns que esperan que no mundo do nacionalismo e do galeguismo se deixen atavismos baleiros de contido. E fuxindo de estruturas partidarias, ideas fracasadas e corsés que impiden a apertura, se traballe polos problemas reais da xente. O demais é vivir na permanente utopía , entretendo ós convencidos, mentres uns cantos viven do oficio da política e frean a evolución organizativa, para seguiren sempre ancorados no resistencialismo.

Te puede interesar