Opinión

Catástrofes naturais

Se non partimos e asumimos a idea de que os humanos soamente somos uns usufrutuarios deste planeta, e que temos a obriga de deixarllo as xeracións vindeiras no mellor estado posible, non seremos capaces de asumir a realidade presente e seguiremos destruíndo un legado natural que porá en perigo a vida da futuras xeracións.

Ate os nosos días, sempre se dicía que o clima da Terra fora modificado dende a derradeira glaciación. E dende esas datas chegou ate nos con escasas variacións. Máis dende que se toman datos estadísticos, parece que a temperatura no noso planeta aumenta dunha maneira alarmante. E ise aumento duns graos será o fenómeno que nos levará cara unha situación de alteración do clima e de todo o sistema de vida. 

Ademais, derivado dese quentamento, aumentarán as chamadas catástrofes naturais, as pragas e moitas poboacións serán anegadas polo mar. Os gases invernadoiro, xerados basicamente pola actividade industrial segundo os científicos, son os causantes desta desfeita. Pois estes gases son a primeira causa de tal alteración da temperatura. Polo tanto, vivimos nun momento no que seguindo os consellos dos que saben do asunto, hai que tomar medidas para frear o deterioro da capa atmosférica que nos protexe dos raios solares.

Mais achacar todos os incendios as altas temperaturas que padecemos, pode levarnos a non atacar os males e o abandono do medio forestal, polo menos eiquí na nosa terra. Con todo, a escaseza de auga, o estado do mato, tipo de vexetación e árbores, a falla de prevención, xunto coas peculiaridades de cada lugar son causas que traen graves consecuencias e tamén mortes de seres humanos. E o exemplo está á vista na nosa terra e na traxedia do pais veciño.

Nin que dicir que cada día que pasa o uso máis racional e sostible do planeta faise unha necesidade vital. Seguir demorando o problema e non tomar medidas, levaranos a soportar fenómenos naturais e pragas que ate o momento soamente acontecían noutras zonas moi lonxe de nós.

Seguir ignorando que os humanos somos, en certa medida, uns depredadores do planeta, é unha barbaridade. Con todo, precisamos reflexionar sobre o noso futuro e volver a lembrar que somos soamente uns usufrutuarios do planeta e que estamos xogando coa vida dos nosos descendentes.

Te puede interesar