Opinión

Un chazo máis cara a normalidade

Un dito popular lembra que, cando non temos as cousas que pra nós son ordinarias, é cando comezamos a valoralas. Pois ben, todos os galegos e supoño que o resto dos cidadáns da península, esperabamos con ansiedade a volta a normalidade cotián. Xa sei que o famoso virus anda entre nos e non convén esquecelo, polo que hai que seguir tomando moitas precaucións. Mais subir un chanzo para irnos achegando a vivir como antes do covid-19, non deixa de ser algo moi positivo.

Con todo, de todas as calamidades sempre haberá que sacar conclusións pra que cando volva a acontecer algo semellante non nos colla a todos como desta vez: totalmente espidos. E será nese eido, por mor das diversas leas e intereses partidarios, onde non vexo un interese en chegar a consensos e quitar algo en limpo que supere ós insultos, as descalificacións e o oportunismo marcado polas eleccións do 12 de xullo. Xa sei que hai unha comisión no Parlamento do Estado; mais a dubida de que sirva pra algo invade a moitos cidadáns. 

 E, pra que iso non aconteza, entendo que o primeiro que hai que facer é recoñecer que esta pandemia colleunos a todos, Goberno e oposición, un tanto nas pavías. Ou sexa en fora de xogo. Por iso o Executivo actuou tarde. Pero non é menos verdade que en toda Europa aconteceu algo semellante. A oposición, ó principio, opoñíase a que se tomaran as medidas que logo se puxeron en vigor, o que nos leva a pensar que se gobernaran outros pode que o fixeran moito peor. Gobernar sempre foi complexo e delicado. Ubicarse na oposición é moito mellor; é máis sinxelo e cómodo. Con pór defectos e airealos parece que chega. E non debera ser así. Habería que facer propostas razoadas e serias que superaran o insulto e o ti máis. Desta vez, a oposición tivo un comportamento mezquino e cutre acusando ó Goberno de ilexítimo e mil cousas máis e non axudando a superar a pandemia.

Agora que comezamos a ver a luz, sería bo que algunhas cousas quedaran claras. A primeira é que a inversión en servizos públicos como ó da sanidade e outros é sumamente necesaria. A segunda é a necesidade de replantexarse se as residencias de maiores están ben dotadas e contan cos servizos sanitarios que son precisos, ou se pola contra só son negocios onde se garda ás persoas na fase final da súa vida. A terceira é o feito discriminatorio que se produciu nesta pandemia coas persoas maiores. Polo mero feito de ter anos, a moitas deixáronse morrer, aplicando o dito: como ten patoloxías previas, a morte parece xustificada. Por iso clama que os defensores da vida, entre eles a Igrexa, e que están contra o aborto, agora calen como se estas vidas non tiveran valor. A cuarta sería a necesidade de comezar a educar á cidadanía en cuestións básicas sanitarias e de saúde. Ou sexa, en menciña preventiva. E nese eido cabe lembrar que hai que reforzar ós centros de saúde e facer moito máis do que se fai.

Os premios que se lle outorgan ás entidades sanitarias non están mal, pero moito mellor será clarificar se a sanidade pública se segue a baleirar e se privatiza, ou se pola contra se reforza e se potencia. Cabe lembrar que nesta pandemia a sanidade privada estivo agochada e ausente. Nin se implicou nin apareceu por ningures.

En fin, supoño que haberá que sacar moitas máis consecuencias que mellorarían a resposta dada ó covid-19. Camiñar cara a normalidade, aínda que sexa chanzo a chanzo, sempre é positivo. Pero moito máis o sería se tanto en Galicia como no resto do Estado houbera acordos de fondo que serviran para mellorar. E con iso deixar, alomenos neste asunto, as leas partidarias. Leas que, nalgúns grupos presentes no Congreso, somente amosan odio contra o adversario. E deste xeito somente contribúen a polarización e o enfrontamento na sociedade. E iso é moi negativo.

Sexamos prudentes e valoremos esas cousas cotiás que só apreciamos cando nolas quitan.

Te puede interesar