Opinión

Chegou a hora da política

Pois nin se parou o mundo, nin se rachou nada, e menos houbo enfrontamentos na rúa. Todo foi normalidade. E dentro dese clima os cataláns que voluntariamente quixeron, que foron moitos, votaron, e máis de dous millóns de persoas participaron nunha consulta cívica que, con todos os peros que se lle queiran poñer, foi modélica na organización e amosou a cara dun pobo maduro que defende a súa identidade e aspira a un espazo de soberanía política e económica que hoxe non ten.

As valoracións son diversas, dende as moi positivas, ás de menosprezo da enquisa, pois considerase unha trapallada e unha ilegalidade ate as de indiferenza.

Pero con todo o acontecido percibo varias conclusións positivas: a primeira é que o nacionalismo catalán sabe facer as cousas e sobre todo sabe facer política. Pois amosou o seu músculo, sabedor de con dous millóns e pico de persoas tras de si, terá máis forza diante unhas hipotéticas negociacións políticas co goberno de Madrid.

A segunda é que Artur Mas, o presidente, sae reforzado diante os seus, polo que segue sendo un activo moi importante para a política catalá. A terceira radica na capacidade organizativa dun sector moi amplo da sociedade civil, pois amosa as raíces sociais dun catalanismo cívico que se practica e conserva dende hai moitos séculos.

A cuarta conclusión é que o goberno de Madrid non pode seguir ignorando unha realidade que supera as directrices partidarias, pois ten moito que ver co sentimento e o orgullo de ser das xentes dun pais. E xa se sabe, cando un sector moi importante dun pobo quere unha cousa, ignorar o problema e deixalo esmorecer, como fai o señor Rajoy, é algo moi negativo. Polo que de seguir a liña de que o tema morra de por si, traerá consecuencias e rupturas complicadas de amañar.

Por iso, parece que chegou o momento da política de Estado; o momento de deixar as palabras sacras para o recordo e, escoitando á xente, propoñer saídas que eviten unhas eleccións plebiscitarias que crearán unha situación máis complicada e tensa ca actual. Chegou o momento de entender que as chamadas comunidades históricas, ademais de cuestións económicas que terán que ser discutidas e valoradas, teñen sentimentos e valores propios que son un patrimonio que se fraguou durante séculos e que, por moita lóxica e practica coa que se queira ornamentar o discurso centralista, teñen que ser respectadas e blindadas dos discursos uniformadores que tantas veces se empregan dende o PP.

A política, moitas veces, non segue plenamente un discurso rectilíneo. A política parte dun principio que é o de buscar a solución menos mala a problemas moi complexos e difíciles de resolver. Pero para iso todos teñen que fuxir dos dogmatismos excluíntes e citarei varios: “España es una nación única de destino. España es una unidad económica única. España decide en conjunto lo que quiere una parte. España le dá autonomía a sus regiones, etc.” Pois pode ser, e hoxe é así, pero que pasa se un sector moi importante dunha comunidade social non está cómoda nese marco xurídico, ¿Vai o conxunto obrigar á parte a aceptar as súas tesis? Pois ise é o problema que segue sen resolverse nesta España democrática.

Conclusión: un sector moi importante de cataláns falaron claramente e dixeron o que queren, polo que chegou o momento de construír pontes de dialogo abrindo a mente da xente, pois mellor xuntos que separados, pero recoñecendo que somos diversos e que iso ten que estar plasmado como un dereito e non como unha concesión dada pola bondade desa patria uniformadora á forza.

O mundo cambiou e superouse o tempo das conquistas polas armas; tamén chegou a época de mudar conceptos e mover frases lapidarias que parecen verdades absolutas e non no son.

Chegou á hora da política e recoñecer que os pobos son o que queren os seus cidadáns. E para iso hai que deixalos falar. O demais é lería.

Te puede interesar