Opinión

As contradicións e debilidades xudiciais

Xosé, un home con moita retranca, repetíame o seguinte: “A Xustiza, o máis lonxe posible, pois os xuíces sonche xente coma nós: teñen as súas ideas políticas, os seus defectos, as súas contradicións e tamén o seu corporativismo. Ou sexa: non son perfectos e polo tanto teñen moitas debilidades ou, se o prefires, defectos”.

Moitas veces, cando vexo na prensa novas de sentencias ou cousas semellantes penso no que me dixo o meu amigo, persoa que non é nin letrado nin licenciado por ningunha universidade. El é un home cargado de experiencia, traballos e fracasos. É, polo tanto, como tantos outros, un ser humano que camiña pola vida, unha persoa cabal, bo veciño que ten o título de ser licenciado na universidade do acontecer diario.

Hai uns días vin no xornal que, segundo dixo a Xustiza, o alcalde de Ourense non cometera ningún delito ó afirmar publicamente que a Policía Local era “unha mafia”, dado que esa afirmación está amparada pola liberdade de opinión. A conclusión non me sorprendeu, pero a memoria deseguida lembroume un caso que hai anos aconteceu nesta Auria. Foi o dun concelleiro socialista que empregou unha metáfora sobor dun señor que era xuíz, claro, sen nombralo. O conto é que dixo, segundo os medios de comunicación: “Ese señor sempre anda mollado”. Este dito levouno ante a Xustiza, e o argumento da sanción que lle caiu e todo o que veu despois que non foi pouco, estivo baseado no desacato e na difamación, dado que as súas verbas implicaban e desprestixiaban a unha persoa e a un poder do Estado. Pois ben, agora, unha autoridade pública, como é un alcalde, chámalle á Policía Local “mafia”, e iso din que é “unha opinión”. E claro, un queda un tanto flipado, pois a Policía Local pode ter no seu seo a algún número de escuro pasado, ou xente que non cumpre como debera coa labor encomendada, pero a globalidade do servizo funciona e chamarlle mafia sen demostrar nada é algo máis que unha opinión. E como a Policía tamén pertence a unha institución que forma parte do Estado, penso que iso é un insulto en toda regra ou unha difamación.

Eu creo na Xustiza, aínda que percibo as contrariedades e as debilidades dalgúns que sentencian. Nestes días tamén saiu a sentencia do fraude ou roubo de cartos públicos que aconteceu en Andalucía no mandato socialista. Mais a condena ó presidente Griñán abre outra polémica, pois senténciano por non actuar para impedir ese fraude. E claro, vólvenme a cabeza as comparacións, pois no caso da Comunidade de gobernos pasados e da de Madrid aconteceron fraudes semellantes e a ninguén se imputou. Por iso non lle aplicaron o “in vigilando”, cousa que si aplícase no caso de Griñán.

Cada día que pasa percibo que algúns homes que ditan sentencias, que abren investigacións e que con elas escarallan gobernos, como aconteceu nesta cidade hai dez anos, teñen moitos defectos, e por elo doulle a razón ó meu veciño Xosé. Son humanos e teñen moitas debilidades, ideoloxías e, aínda que poñan toga, ás veces parecen parciais. Xa sei que ninguén é perfecto, mais hai cousas que cantan. E por iso, ás veces un pensa mal. Polo que, como cidadán, ás veces síntome defraudado da nosa Xustiza, pois hai sentencias ou arquivos de causas, como é o caso, que dan licencia para que a verborrea e o insulto teñan campo aberto e axuden a desprestixiar a persoas e ás institucións.

Te puede interesar