Opinión

Coral de Ruada

Nos tempos actuais todo camiña de presa. Os días meses e anos bulen e, embaucados por este ritmo de vida un tanto aloucado, o tempo que adicamos a valorar a cultura, en xeral, e a tradicional de calidade en particular, é sumamente pequeno. Os anos dourados das sociedades de lecer, onde naceron e medraron entidades e iniciativas culturais, parece que xa son pasado. Igualmente acontece coa política cultural das institucións, pois en xeral todas tomaron como prioridade os espectáculos de masas que é tanto como falar da cultura estandar que ignora ás culturas locais para deixalas esquecidas e marxinadas.

Con todo, sempre hai motivos para a esperanza e para seguir defendendo a cultura que nos deu e dá personalidade e un espazo propio nos centros desta terra: Galicia. Estou convencido de que, no mundo cultural e musical ourensán, acolléuse con agarimo que o Concello das Burgas abrira un expediente de honores á Coral De Ruada cando se cumpren os cen anos do seu nacemento. Boa idea lembrar que en Ourense existe unha coral centenaria que sigue viva, que respira mantendo a música tradicional e que aínda nos ergue o espírito cando interpreta os alalás, as foliadas ou outros cantos galegos. Ó escoitala parece que se ergue a nosa alma e que aínda existimos culturalmente, dado que seguimos transmitindo a herdanza musical que recibimos dos nosos maiores.

A música en vivo e ó natural, a día de hoxe, parece estar relegada a niveis reducidos. Estamos nos tempos do decibelio festivo onde o directo musical perde sensibilidade para gañar volume, e con elo arredar do oínte a calidade artística. Son estas as cousas do progreso mal entendido, da modernidade pouco sesuda e da perda de creatividade que nos leva cara o tempo da música “serialista” e despersonalizada chamada “de consumo”.

Coral De Ruada, nos seus cen anos de existencia, déixanos un legado moi rico. Un legado que non só se pode entender como de mantemento do folclore tradicional musical. Déixanos un estilo de interpretar, tamén un bo fato de partituras e de músicos ourensáns que pola formación pasaron. Pero tamén deixa un legado espiritual de valoración do propio, da nosa lingua e das nosas costumes, así como das persoas que por ela pasaron e deixaron un sinal de galeguidade e de ourensanía.
De Rúada deixa tras de si, nestes cen anos de existencia, unha bagaxe de actuacións en toda Galicia e alén das nosas fronteiras. Deixa, no seu haber, nomes senlleiros de persoas que a dirixiron e marcaron fitos salientables, como foron Daniel González, Manuel de Dios e outros ourensáns que lle aportaron o mellor do seu saber musical. Todas xentes moi queridas nesta vella Auria.

En fin, nos tempos da modernidade, cando a cultura uniformadora minoriza a presencia da música tradicional e da galeguidade, sirva este comentario como apoio e adhesión persoal á distinción merecida de Coral De Ruada para que siga traballando pola música e cultura galega moitos, moitos anos máis.

Te puede interesar