Opinión

Corre perigo a autonomía?

Hai un par de anos falei de que o nacionalismo galego sempre tan dado as causas utópicas do dereito a decidir, deixaba o flanco aberto da política posibilista, pois vivía, e vive soñando nunha Arcadia feliz que nunca chega e que posiblemente non sexa máis ca un argumento teórico para militantes. Vivir de ensoños tamén é unha maneira de pasar o tempo e así manter un romanticismo fervendo na mente duns poucos fieis pouco dados á reflexión.

Co paso dos anos, dende a chegada da democracia, e debido ós feitos políticos e corruptelas habidos en todo o Estado por parte de quen goberna, está emerxendo unha forza política conservadora que aspira a sustituír ós populares. Unha alternativa que pretende ocupar o espazo da dereita que ate agora foi a leira case particular do PP. Neste senso, un compañeiro galeguista, en plan moi retranqueiro, comentáballe a algúns mandamais da Deputación se estaban pensando en sumarse ás filas de Ciudadanos por aquelo de manterse no poder, cuestión pola que están unicamente en política.

O certo é que, por non ter feito un punto e aparte e entonado o mea culpa, por tanta corrupción, os populares corren un serio perigo de que os rapaces de Albert Rivera lle coman moito terreo electoral incluso nesta terra tan dada a darlle o voto ós que veñen de visita de alén do Padornelo e a Canda. Iso que pode acontecer non sería un gran problema si detrás delo non se agochara a idea dun serio recorte do poder da nosa autonomía política. Rivera, no fondo, aspira a reforzar a España centralista sen concesións ás nacionalidades que conforman o Estado actual. E Galicia, que é unha delas políticamente, hoxe está en horas baixas para defenderse.

E mentres, o chan do nacionalismo de esquerdas segue coa súa linguaxe soberanista, sen decatarse de que non é capar de pasar dun reduto moi pequeno de fieis a un espazo moito máis amplo. O que impide que se presente como unha alternativa seria de poder para reemplazar ós que sempre nos levan gobernando e non cren nas potencialidades do pais. Que faltan líderes nacionalistas xa ninguén o discute. Os que o foron algún día e ainda dan a matraca xa están amortizados e pouco vale a súa opinión.

Parece pois, que de non ser que que pola comarca do Deza emerxa un novo referente que teña os pes no chan, ao igual que noutro día foi Quintana, seguiremos esperando a que alguén chegue e sexa capaz de erguer esa gran forza galeguista que precisa a terra. Do contrario mal lle irá o nacionalismo galego se non modifica o rumbo e baixa á area e loita polo posible e incluso defende e mellora do que xa temos. A autonomía galega, con todos os defectos que se lle queiran poñer, significou unha modernización e mellora sen precedentes na historia de Galicia, polo que é preciso afianzala máis e ampliala dende o día a día facendo políticas galeguistas prácticas, e deixando para a teoría o ilusionismo do dereito a decidir. 

Corren malos tempo para a lírica. E non sei se tamén pode iso levar a que corran malos tempos para a nosa Autonomía política. Feijoo, o presidente actual, pide máis intervención do Estado nas autonomías. O que ven ser máis recentralización e rebaixar a Xunta a unha pequena descentralización administrativa. Mal asunto. O medre de partidos insensibles á nosa realidade é un aviso para navegantes.

Te puede interesar