Opinión

A culpa é dos cidadáns?

Hai uns días, asistindo a un concerto de música, topeime co alcalde dunha pequena vila desta nosa provincia. E despois do saúdo de cortesía e a pregunta de que fas por estes lares, na conversa saiu á palestra o que acontece no Concello de Ourense. “Mal pinta a solución pra sacar da cadeira municipal ao ínclito Jácome”, dixo o alcalde. Ó que lle contestei: “Algunha responsabilidade terán os teus compañeiros que o apoiaron e o puxeron na alcaldía”. A resposta foi pra min sorprendente: “A culpa non é do meu partido, a culpa é dos cidadáns que o votaron”. Pra non discutir sobor do tema, despedímonos e camiño da casa empecei a cavilar na resposta, pois tiña, e ainda ten, o seu aquel. Logo lembrei outra conversa que tiven cun veciño, boa persoa que díxome: “Eu voteino -referíndose a Jácome- con toda idea de castigar ó PP e mira o que fixo, pactou con eles”. Un tanto abraiado, pensei: pero que pasa na nosa sociedade que unha parte importante dela, máis de 12.000 veciños, viron neste persoeiro unha solución ós problemas de Ourense?, como foi posibel que a xente confiara nun grupo que soamente propón ocurrencias e solta insultos contra todos os demais?, como se pode ser tan inxenuo? Non sei que dicir. Polo que lembrei os tempos nos que loitabamos pra acadar uns concellos onde todo funcionara mellor e houbera máis cultura e mellores servizos. E mira o que acontece nesta vella Auria. Todo caíndo a cachos, e dando un espectáculo lamentabel, e por riba aturando a un persoeiro pintoresco que non distingue o que é publico do privado, que mestura a súa empresa que busca beneficios cunha obra colectiva como é o Concello.

Pois ben, todo este acontecer levoume a facer unha reflexión: onde están as forzas vivas da cidade?, onde as asociacións, colexios profesionais, entes veciñais, entidades cívicas e deportivas, etc. para posicionarse e esixir que no Concello haxa seriedade, rigor e decencia?, onde? Acaso non ven como se deteriora toda unha institución mentres parecen estar agochadas nun silencio que as fai cómplices do que acontece? Onde aquela cidadanía que noutros momentos saíu a rúa pedindo reivindicacións para volver de novo e pedir que no Concello haxa un goberno e un alcalde á altura da terceira cidade de Galicia?

A culpa ninguén a quere. Sempre quedou solteira, din os máis maiores. Mais en Ourense todos sabemos quen puxo a este señor na cadeira municipal, e que o fixo en detrimento da lista máis votada. Pois que asuma erros e dea a cara. E como o rexidor non dimite, que facilite unha moción de censura entre as dúas forzas que a poden facer, PP e PSOE. Ter a unha persoa letal, como dixo o sr. Feijoo, na cadeira do noso concello pode custarnos a todos moi caro.

En fin, por moito que nos toque o nabo o actual alcalde, a culpa non é dos cidadáns. Eles, conscientes uns e outros inxenuos, votaron o que lles pareceu o mellor. Asi que, como as contas dan, adiante coa moción de censura e que goberne a lista máis votada. E axiña pechemos dunha vez este capítulo escuro na vida do Concello de Ourense.

Te puede interesar